IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Alta Idade Media

OS NOVOS INVASORES

A crise da monarquía visigoda facilitou as vagas invasoras, sendo as máis destacadas as protagonizadas polos musulmáns e polos normandos ou viquingos (os pobos do mar).
Fronte ás rexións máis desenvolvidas do sur peninsular, Galicia aparece como unha terra primitiva e agreste, o que sen dúbida fixo que os invasores estiveran pouco interesados en ocupala. Sen embargo era un territorio no que pervivían o dereito hispano-godo, as prácticas económicas de tradición romana, as estruturas administrativas, relixiosas e culturais da Igrexa, etc. Así, suficientemente primitiva e autónoma para sobrevivir á desaparición do reino visigodo e suficientemente evolucionada para non caer no caos tras da invasión e servir de transmisor da civilización romano-xermánica cristianizada, Galicia como unha terra de ninguén, debe a esta ambigüidade a súa pervivenza e entidade.

a) Importantes foron as sucesivas incursións viquingas procedentes de Europa do norte, presentes nas costas galegas dende mediados do s. IX ata finais do s. XI. Con todo, a súa presenza terra dentro foi esporádica, limitándose a atacar vilas costeiras aínda que nalgún caso remontaron os ríos cara ó interior (caso de Tui). Sen dúbida o maior efecto das mesmas foi o traslado das sés episcopais dende a costa ó interior, como sucedeu no caso de Iria Flavia, que pasou a Compostela, e de San Martiño de Mendunieto (completa información do edificio), que se trasladou a Valibria (actual Mondoñedo).
Os reis asturianos axudaron ós galegos a resistir e, incluso, tomaron parte decidida na resistencia dos bispos (caso do bispo Sisnando de Iria) e nobres galaicos.

A lenda de Don Gonzalo, o Bispo Santo
Dín que un día, aló polo século XI, apareceu en Foz unha grande escuadra de naves normandas, para penetraren polo Masma cara ás terras de Bretoña. Perante o perigo inminente e dada a carencia das necesarias defensas para repeler o ataque, os veciños pedían homes e armas. Mais o bispo non dispoñía deles e só contaba con sachos para loitar. Entón decidiu que o mellor sería pedir axuda a Deus.
Ordenou a todos refuxiarse nos montes. Desde o alto, mirando ó mar e portando unha cruz, comezou a rezar. De inmediato o ceo escureceuse e o vento empezou a soprar ata desencadear unha tempestade que fixo naufragar os barcos, incapaces de chegar a terra nin de volver a mar aberto. Con cada pregaria afundíanse máis barcos, ata que finalmente o bispo detívose e dixo "que volvan para contalo ós seus.


Sartego do Bispo Santo na basílica de San Martiño de Mondoñedo

Capela do Bispo santo no alto do Pico da Lebre en Foz, onde se celebra unha romaría no mes de maio

b) Sobre a presenza musulmán nas terras galegas posuímos moi escasos datos; nin sequera é seguro que as tropas de Musa ibn Nusayr (Muza, na tradición española) chegaran a Lugo no 714 despois de ter ocupado León, Astorga e Zamora. Si é máis probable o establecemento dalgúns bérberes na zona sur, se ben foron expulsados arredor do 740-750.
Almanzor segundo Zurbarán
Xa en mans do reino astur -unha doada reconquista-, os monarcas tiveron que facer fronte a ataques esporádicos baixo a forma de rápidas expedicións de castigo e botín, as famosas razzias. Sen dúbida a máis destacada foi a de Almanzor quen, no 997 e como resposta ó impago de tributos, chegaba a Santiago e arrasaba a cidade, era un ataque directo ó corazón da cristiandade. A cidade foi sometida a saqueo durante unha semana e finalmente incendiada, deixando só en pé o sepulcro do Apóstolo; levou sedas brocadas, peles, as portas da cidade e as campás do santuario, todo portado a lomos de prisioneiros cristiáns ata Córdoba (voltarían séculos despois, as mesmas ou refundidas co bronce da mesquita cordobesa). En relación cos feitos existe a lenda de Pedro de Mezonzo
Así contan a campaña de Almanzor as crónicas cristiáns:
Os sarracenos, acaudillados por Almanzor, entrando en Compostela, destruíron ata os alicerces da meirande parte das paredes da igrexa do santo apóstolo, agás o seu santísimo altar. O gloriosísimo Santiago non permitiu que se retirasen impunes (...) feríndoos cunha praga de disentería tan eficaz que por ela morreron moitos (...). E vendo ós seus ta malamente feridos, o caudillo Almanzor (...) comprendendo que alí estaba certamente sepultado Sntiago (...), arrepentido polo seu atrevemento emprendeu a fuga.
Historia Compostelana. Lib.I (primeira metade do s. XII)
E así o contan as crónicas musulmáns:
Al-Mansur chegara nesta época ó máis alto grado de poder. Socorrido por Alá nas súas guerras cos príncipes cristiáns, marchou contra Santiago, cidade de Galicia, que é o máis importante santuario cristiá de España e das rexións cercanas do continente. A igrexa de Santiago é como a Qaaba para nosoutros.
Despois de diversas peripecias, os musulmáns foron acampar diante da orgullosa cidade de Santiago o 10 de agosto. Todos os seus habitantes tíñana abandonado e os musulmáns apoderáronse de todas as riquezas que nela encontraron e derribaron as construcións, as murallas e a igrexa, de modo que non quedaron pegadas das mesmas.
Tomado del Bayan al-Mugrib.

INCORPORACIÓN Á MONARQUÍA ASTUR-LEONESA
Os monarcas asturianos, considerándose lexítimos herdeiros da monarquía visigoda, tiveron grande interese no dominio do territorio galego. Se nun primeiro momento houberon de afrontar as revoltas da aristocracia galega, a partir do reinado de Afonso II (792-844), produciuse xa unha verdadeira integración, a pesar dos episodios de conflito que se sucederían máis adiante.
A atracción das elites galaicas será cada vez máis eficaz grazas a protección que estas lles prestaban fronte ás invasións viquingas e as razzias musulmáns. Ademais, moitos nobres foron distinguidos co titulo de comes -condes-, que lles permitía exercer funcións administrativas e militares en nome do rei. Con todo non sempre houbo harmonía entre a nobreza galega e a monarquía o que se manifestou nunha serie de revoltas nobiliarias que máis que conformar un reino separado diferían no modo de configurar a dinastía reinante, caso de Fruela Bermúdez, conde de Lugo, contra Afonso III, chegando a nomearse rei.. De feito a propia nobreza dividiuse en dous bandos, o dos defensores (a nobreza eclesiástica especialmente, con San Rosendo á cabeza) que, seguindo a tradición astur-leonesa, concibían a acción do monarca sobre o reino a través da nobreza, e o dos traditores, que defendían unha posición inversa, é dicir, a acción do monarca debe estar mediatizada pola propia nobreza.

OS INICIOS DO CULTO A SANTIAGO 
Santiago, evanxelizador de Hispania, fora decapitado en Xerusalén, tras da súa volta e, desde alí , foi trasladado polos seus discípulos ata Galicia. nunha mítica barca de pedra. Segundo a tradición, recollida pola Historia Compostelana, redactada por Xelmírez, no 813, un ermitán, Pelaio, orientado polas luces e cánticos celestiais que saían dun lugar coñecido como Campus Stellae (Compostela), encontrou un pequeno edículo cun sepulcro.


Tímpano da portada meridional.Santiago de Cereixo, Vimianzo (A Coruña)
Teodomiro, bispo de Iria Flavia, indentifícandoo como o do Apóstolo da orde de trasladar o sartego e construír nese lugar un templo para venerar as reliquias.
Uns personaxes, homes de grande autoridade, foron onde o citado bispo [Teodomiro] e contáronlle que viran moitas veces, de noite, ardentes luminarias no bosque que, co paso do tempo, medrara enriba da tomba do glorioso Santiago, e tamén que un anxo se aparecera alí moitas veces. Oído isto, foi el mesmo ó lugar onde afirmaban ter visto tales cousas e viu (...) cos seus propios ollos, as luminarias enriba do citado lugar. Movido pola gracia divina internouse no bosque e atopou no medio das xestas e codesos unha casiña que gardaba dentro unha tomba de mármore. Dando grazas a Deus, marchou sen tardanza a verse co rei Afonso o Casto, que daquela reinaba en Asturias, e contoulle o suceso tal como o vira cos seus ollos. O rei, cheo de gozo por tan importante nova, veu o paso acelerado a estas partes e, restaurando a igrexa en honor do apóstolo, cambiou o lugar de residencia do bispo de Iria por este que se chamou Compostela (...). Aconteceu todo isto no tempo de Carlomagno, segundo llelo escoitamos contar a moitos.
Historia Compostellana. Lib.I, cap. 2

Afonso II, apoiado pola Igrexa, promove e difunde o culto xacobeo e non só por razóns relixiosas, senón tamén políticas. O culto a Santiago serve de aglutinante e constitúe un espaldarazo á loita contra o Islam: como demostra coa súa “aparición” na batalla de Clavijo nun cabalo branco e matando mouros (de aí virá o que sexa considerado como patrón de España). Por outra parte, a monarquía asturiana quere liberarse da dependencia da Igrexa toledana e por iso intenta facer de Santiago un centro que poida competir e mesmo desbancar a Toledo, capital relixiosa e política dos visigodos.
Estas foron as razóns que levaron ós monarcas astures a dotar xenerosamente a nova igrexa: doazóns e privilexios tanto para a igrexa coma para a nova poboación que se vai levantando ó seu redor e que será núcleo dun importante señorío eclesiástico -o señorío de Santiago-, o máis poderoso de todos.
Á cidade comezan a chegar xentes de toda Europa que irán consolidando o Camiño de Santiago, vía que actuará como importante canle de comunicación de persoas e ideas.



O DESENVOLVEMENTO DA SOCIEDADE FEUDAL
A repoboación do territorio galego, no sentido de organización do espazo, realizouse ó longo dos séculos IX e X, pero de forma diferente ó que sucedeu na Meseta: mentres que alí houbo instalación de novos poboadores, en Galicia, pouco despoboada, produciuse un desenvolvemento baseado no espallamento das villae como núcleo básico de asentamento dos campesiños. Agora as villae non serán soamente unha grande explotación, como na época romana, senón tamén un tipo de poboamento concentrado; vila ven a ser sinónimo de aldea. Estes asentamentos serán tan fortes que xa no s. X apareceron outros de menor rango agregados a eles, como son os vilares ou casais. As vilas, en tanto grandes explotacións agrícolas, eran dirixidas polo propietario e explotadas de forma directa, coa axuda de domésticos e servos para o traballo das terras.
Isto foi así ata o s. XII, cando desapareceu definitivamente a servidume e apareceron fórmulas contractuais como o foro, abrindo paso a novas formas de relacións sociais agrarias. Coinformouse pois o réxime señorial, que case fixo desaparecer os pequenos propietarios.
Existiu un constante transvasamento de riqueza agraria a favor da nobreza, ben mediante a doazón de terras a cambio de protección persoal, por perda das mesmas a cambio de débedas non saldadas, ou mediante o exercicio do poder público, coa imposición de multas. A posesión das terras, e a participación na administración e nas frecuentes guerras permitíronlle converterse nunha clase reducida e poderosa. As posesións dalgunhas familias importantes espallábanse por toda Galicia, destacaban condes (o conde de Présaras dispoñía de máis de cento trinta vilas en toda Galicia), abades e bispos, nos que á riqueza territorial se unía a capacidade de exercer o poder político en representación do rei. Sen embargo, tiñan certa debilidade, xa que non estaban dotados dos mecanismos necesarios para reproducirse, pois non dispoñían dun estado xurídico transmisible ós descendentes ó non existiren aínda casa nin liñaxes.




A ARTE PRERROMÁNICA
A arte desta etapa inicial do feudalismo é exclusivamente relixiosa e nela se mesturan elementos de tradición clásica, influencias orientais, dos bárbaros e dos musulmáns. Os estilos anteriores á arte románica, o conxunto prerrománico, inclúe a arte visigoda, asturiana e mozárabe.
No século X imponse o mozárabe: remodélase Santa Comba de Bande e constrúese San Miguel de Celanova. Algúns restos se conservan noutras igrexas do territorio. Vexamos as mostras nesta presentación