IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

As culturas prehistóricas

O estudio da Prehistoria presenta dous problemas fundamentais:
- ausencia case total de restos orgánicos pola acidez do solo
- escasas escavacións arqueolóxicas sistemáticas
Pese a todo podemos supoñer que os primeiros poboadores chegaron do sur, seguindo o litoral portugués, xa que os máis antigos asentamentos os atopamos cerca das costas e nos grandes vales fluviais.


1. PALEOLÍTICO
1.1. PALEOLÍTICO INFERIOR
Os primitivos asentamentos datarían do penúltimo período interglaciar (fai uns 500.000 anos), con momentos moi fríos e outros algo máis temperados.
Socialmente organizábanse en pequenas agrupacións, sen un nivel xerárquico moi definido, dedicados ó marisqueo, á recolección e á caza. Non existen moitos datos acerca dos animais cazados, que suporían soamente unha parte pequena da dieta, pero os xacementos próximos asturianos parecen indicar que cazarían corzos, cabalos e mamuts. A presencia de cinzas permite deducir a existencia de fogares.
A industria lítica emprega basicamente cuarcita para elaborar útiles obtidos por percusión, primeiro coa técnica dos núcleos achelense para os bifaces e posteriormente coa técnica levallois para a fabricación a partir da extracción de lascas.
Os xacementos máis importantes son As Gándaras de Budiño en Pontevedra, o mellor estudado, con restos de fogares e talleres de talla de cantos cuarcíticos procedentes do Miño; Toen e San Ciprián en Ourense e Louselas-Ribadeo en Lugo.



1.2. PALEOLÍTICO MEDIO
En toda Europa está caracterizado pola aparición do Home de Neanderthal (que parece ter evolucionado dende o Próximo Oriente), o desenvolvemento da técnica levallois na talla de ferramentas máis variadas e a práctica de ritos funerarios.
Case non hai xacementos escavados desta época, aínda que certos restos nos refuxios calcarios no val do Miño, preto de Ourense e de Tui, corresponderían a esta etapa, así como outros da depresión de Monforte.
1.3. PALEOLÍTICO SUPERIOR
Iníciase coa aparición do Home de Cromagnon, no final da derradeira glaciación e o comezo do período interglaciar no que agora nos atopamos, o Holoceno, que se desenvolve dende fai uns 10.000 anos. A partir de entón o clima atemperase, hai maior variedade de froitos e sementes, desaparecen os grandes animais cazados con anterioridade, que son substituídos por pezas de menor tamaño, como o cervo e o coello, ademais do cabalo.
Os arqueólogos coinciden en sinalar dúas zonas ben diferenciadas:
- No interior, os xacementos de Vilalba, Abadín e Xermade, cunha cultura entroncada cos xacementos do Aziliense asturiano, presentan maior diversidade de materias primas na talla de útiles (cuarzos, cristal de roca e sílex) e utilización de ocre e manganesos, indicativos da práctica de ritos máxico-relixiosos.
- A zona costeira (entre A Garda e Vigo), está máis enraizada cos períodos anteriores. Utiliza como única materia prima a cuarcita, aínda que con mellor traballo de talla que no Paleolítico Medio e tamén hai un mellor aproveitamento dos recursos que o mar proporciona.
Mantense a estrutura de pequenos grupos nómades que percorren unha comarca limitada en busca de alimentos e que viven ó aire libre ou en abrigos rochosos. A presenza de útiles e materias primas novidosas pode significar un incremento das interrelacións entre distintos grupos ou a ampliación da zona de nomadeo.
A escaseza de covas calcarias dificultou a existencia da arte parietal, polo que os achados pictóricos da cova de Eirós en Triacastela constitúen unha excepcionalidade. Abaixo, en imaxes tomadas de La Voz de Galicia e de Público, podes ver un calco das pinturas desta cova e o obxecto de adorno máis antigo do noroeste: un colgante feito a partir dun cairo de raposo.


2. MESOLÍTICO
O retroceso dos glaciares suavizou o clima facendo a vida un pouco máis doada e favoreceu o crecemento demográfico. Esta etapa, entre 8000-4000 a.C., considérase como transición entre o Paleolítico e o Neolítico pleno, e en Galicia seguen a distinguirse dúas culturas: na cultura costeira, aumenta a explotación dos recursos pesqueiros con técnicas moi desenvolvidas como a construcción de camboas ou ataxadeiras; na cultura do interior, aínda que se mantén o nomadeo, comeza a experimentarse coa agricultura e a gandería, aparecendo os primeiros elementos cerámicos.
O traballo da pedra pulimentada, agora iniciado, deixou mostras nos oteadoiros nos que acampaban as partidas de cazadores, por exemplo na Serra do Xistral as puntas microlíticas son as pezas máis abundantes.



3. NEOLÍTICO
A principal característica do período será o cultivo da terra (en torno do 5000) e a domesticación dos animais, complementando a caza e recolección que eran técnicas máis limitadas tanto no tempo como no espazo. As repercusións sociais e culturais son notables: pedra pulida (con tendencia ó microlitismo), cerámica, industria téxtil, sedentarismo, incremento demográfico, xerarquización social, especialización no traballo.
O xacemento mellor estudado é o de O Reiro, na costa de Arteixo datado a mediados do quinto milenio a.C., nel atopáronse restos líticos, de animais e de grans de cereal cultivado.

O MEGALITISMO
A construción de monumentos realizados con grandes pedras, é un fenómeno a nivel mundial que con características similares e nestas datas, aparece desenvolvido por todo o norte da Península, Bretaña, Gales, Irlanda e o centro-norte de Europa, o que da conta da transcendencia desta nova manifestación cultural que implica grandes cambios nas sociedades.
Lapa de Gargantans, Moraña
No noso territorio hai catalogadas máis de 300 megálitos; amén das pedras fitas (menhires) e círculos líticos (podes consultar esta páxina), destacan os túmulos -mámoas- de grandes ortostatos, con construcción interior de pedra -anta- ou sen ela. En conxunto son, fundamentalmente, monumentos funerarios que se acompañan de enxovais, aínda que algún autor lles adxudica tamén funcións de sinalización de rutas e limitadores de territorios.
A tipoloxía destes enterramentos establécese en función da planta: simple ou poligonal, con ou sen corredor, con ou sen anel perimetral. Mira na imaxe os modelos principais.



As máis antigas datan de finais do cuarto milenio a.C. e son bastante sinxelas, con cámara poligonal e sen corredor. Posteriormente aparecerán os corredores e diversos útiles no seu interior.
Os pequenos clans familiares construían os seus monumentos funerarios para uso común ou individual, dato dubidoso pola inexistencia dos restos óseos do seu interior debido á acidez da terra.
Nalgúns casos conservan gravuras ou pinturas sinxelas: ondulados (á dereita, Roza das Modias en Vilalba), zigzags, círculos, cazoletas, formas antropomórficas. A súa significación é descoñecida.
Conservaronse na toponimia (derivada de medorra, anta, arca, modia) e  nas lendas asociadas ós restos, o que a miudo foi causa da destrución de moitas destas construcións por crerse que alí se agochaban fabulosos tesouros. Incluso en 1609 e por real cédula, Filipe II autorizáballe ao licenciado Vázquez Orxas abrir as tombas dos galigregos e retirar o ouro que atopase no seu interior.

Unha páxina na que obter información

4. OS METAIS: IDADE DO BRONCE
Nunha primeira etapa traballouse o cobre, período do Calcolítico, para fabricar novas ferramentas; esta técnica metalúrxica, xunto á aparición do vaso campaniforme (que podemos atopar en toda España e gran parte de Europa) parece chegar a Galicia dende Portugal. Os intercambios comerciais e culturais son xa importantes, como poderemos ver, e o feito de que algunhas mámoas parezan ter sido tumbas individuais (polo menos en outros territorios) fala dunha maior xerarquización social.
A partir do 1800 a.C. aproximadamente, desenvólvese a etapa caracterizada polo uso do bronce, metal máis duro e eficaz; agora acentúanse os trazos comúns a toda Europa, o que acaso podería estar en relación co desprazamento de pobos indoeuropeos polo territorio, teoría que ven apoiada tamén polos estudos lingüísticos das linguas modernas. Tecnoloxicamente, o cobre comeza a se alear con estaño e chumbo para conseguir bronce dunha forma tosca. Ó final de período atopámonos con aleacións case perfectas do 90% de cobre e o 10% de estaño e moldes de fundición moi elaborados, tanto na súa forma como na tecnoloxía empregada. Estudáronse gran cantidade de restos de machados de distintos graos de perfeccionamento, puñais que nun principio eran replica dos anteriores de pedra e finalmente foron adoptando formas máis elaboradas. Có ouro sucede o mesmo, desde as bandas e aramios, herdadas do Calcolítico, ata os torques, arracadas e cascos do inicio da época castrexa.
En canto á economía, os restos sinalan que o gando vacún, ovino e porcino eran habituais, así como o cultivo de varios tipos de cereais. Oficios como o metalúrxico, o téxtil, o traballo da cerámica, agora coa técnica da armadura, e o comercio estarán moi desenvolvidos. Todo isto marca a diferenciación por estratos sociais. No cumio estaría unha clase guerreira necesaria para defender o territorio mineiro e facilitar os intercambios; esta clase aparece nas testemuñas das tumbas (en Galicia, como veremos, non se atopan este tipo de rexistros) con ricos presentes. As unidades territoriais serían máis amplas e estarían moito mellor relacionadas entre si que anteriormente.
Un tema interesante sería o das “fisterras” atlánticas. Existen certas semellanzas entre os pobos desta zona (Cornualles, Bretaña e Galicia), o que vería explicado por cuestións climáticas, históricas, xeomorfolóxicas e o comercio do estaño. Claro símbolo desta unidade cultural sería a ausencia en toda esta zona de ritos funerarios, desaparecendo as necrópoles. De tódolos xeitos, as relacións comerciais non terán lugar soamente entre os núcleos atlánticos senón co Mediterráneo, do cal chegarían novas técnicas agrícolas, ideoloxías, maior xerarquización. As relacións comerciais desenvolveríanse especialmente por vía marítima e a cargo de embarcacións e mariñeiría de filiación mediterránea, xa que parece que só nos focos culturais dese litoral existiría a tecnoloxía imprescindible para soster este comercio atlántico. O feito de que puidera haber linguas semellantes en gran parte de Europa, documentadas na toponimia, teonimia e antroponimia puidera deberse á existencia dunha lingua franca de orixe indoeuropea utilizada nos intercambios. Con anterioridade habería unha lingua non indoeuropea, que algúns chaman galaico-lusitana, aínda que non está suficientemente documentada.
Como feito curioso do noso territorio podemos resaltar, nun último período, a acumulación de machados de talón e dobre anel. Aparecen agochados por centos, o que tal vez tivera que ver co feito de que os fenicios introduciron o ferro, desestabilizando o mercado. Tal vez os artesáns comezaron a utilizar chatarra de bronce para ser reutilizada, o que faría que as novas ferramentas foran de mala calidade. O mercado estaría en crise e habería que gardar eses machados ata a súa venda, que quizais non se produciría. O feito foi que a economía tradicional atlántica colapsouse e deu paso a unha realidade máis fragmentada: en Galicia, o mundo dos castros.
Se os as grandes estruturas funerarias son substituídas polas cistas, tamén as gravaduras cambian de ubicacións: pasan do interior ós penedos. Os petroglifos son a manifestación máis xenuína da Prehistoria galega, xeograficamente se estenden por boa parte da metade noroccidental peninsular (conxuntos moi importantes atopámolos en Portugal) e temporalmente chega ata o mundo castrexo.
Dentro dunha concepción xeométrica, a tipoloxía dos gravados presenta diversas formas, desde motivos zoomorfos e antropomorfos ata deseños xeométricos ou idoliformes, aínda que predominan as figuras de deseño esquemático sobre as de tipo naturalista. Están máis asociados con concepcións relixiosas que coas prácticas funerarias. En Galicia teñen unha distribución territorial concentrada, ó se reducir case exclusivamente ás rías de Pontevedra e Vigo e ós seus vales máis próximos.No val do Lérez e especialmente en Campo Lameiro, atópase o núcleo principal da arte rupestre galega.



Pola súa parte, as pezas de ourivería teñen un profundo valor estético e simbólico. O grupo máis coñecido é o Tesouro de Caldas que agrupa brazaletes, peites, colares e uns caciños con asas.