IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Plena Idade Media (XI a XIII)

Dende finais do s. XI, Galicia, como o resto dos territorios europeos, coñeceu un gran desenvolvemento, pese a que a independencia do reino de Portugal truncou a súa expansión cara ó sur. Pero as sés sociais, económicas e culturais que se asentan neste período perdurarán nos séculos vindeiros.

DEMOGRAFÍA, EXPANSIÓN ECONÓMICA, RENACER DAS CIDADES
No campo, a poboación medrou: nos rexistros parroquiais constátase un aumento dos nacementos e da nupcialidade. Medraron os antigos núcleos, os arroteamentos individuais desembocaron na creación dun hábitat disperso en casais ou vilares, e creáronse novos núcleos -as vilas novas e os xurdidos por outorgamento de cartas de poboamento- .
Tal crecemento non sería posible de non ir acompañado de cambios na organización da produción agraria.
  • ampliouse e intensificouse o espazo cultivado, reducindo o barbeito particularmente nas comarcas do sur
  • evolucionaron as técnicas: estercamento das terras próximas ás casas, as cortiñas, onde cultivaban hortalizas, legumes e froiteiras;
  • pasaron a empregarse ferramentas maioritariamente de ferro e comeza a extenderse o arado de veso ou vesadorio (arado asimétrico antecesor do arado de vertedeira) posiblemente introducido polos monxes cistercienses
  • estendeuse o cultivo da vide, mesmo en zonas de clima non demasiado apropiado, xa que a maior facilidade para o comercio marítimo favorecía a súa exportación
  • xeneralizaronse os foros: contrato polo que terras dun señorío -laico ou eclesiástico- conservando o seu dominio eminente pasan por cesiòn a ser explotadas en dominio útil. Habitualmente o contrato, nesta época, era de longa duración (ata perpetuo ou de varias vidas) e de renda, por mor da presión demográfica, alta sexa proporcional ou fixa, pero case sempre en especie, ademais do compromiso de traballar a aterra, mellorala e unha serie de servizos de carácter vasalático.

No mundo urbano, e como consecuencia do seu crecemento, as actividades económicas experimentaron tamén un forte desenvolvemento. Xunto cos gremios, agrupacións de artesáns por oficios que controlaban a producción, os prezos, a cualidade dos produtos e as relacións entre os propios artesáns, existían as cofrarías que eran asociacions de carácter relixioso vinculadas ós oficios e ós seus santos patróns. E o centro de intercambio entre o campo e a cidade son os mercados urbanos que obtiñan importantes ingresos en concepto de taxas. O comercio, especialmente do Atlántico norte, coñeceu un período de expansión, xogando igualmente un importante papel os mosteiros cistercienses, xa que procuraban vender as súas rendas e excedentes nos núcleos urbanos.Paralelamente estendeuse o uso da moeda, a súa cuñación era privilexio real, só unha persoa tivo o privilexio de cuñar moeda: o arcebispo Diego Xelmírez en Santiago.
O dominio que en Galicia tiveron os señores laicos e as institucións eclesiásticas fixo que foran escasas a cidades de reguengo, o que limitou a capacidade do patriciado urbano como motor de crecemento.
Foron as cartas forais, outorgadas polos reis, as que servirán como motor de desenvolvemento dos burgos pois nelas conceden privilexios e exencións tributarias, penais ou procesais das que carecen os poboamentos de señorío.
Compostela foi ata o século XX a cidade máis importante de Galicia, e como pulo de atración, ó longo do Camiño alíñanse novos núcleos como Portomarín, Melide ou Arzúa. Un segundo eixo urbanizador importante estableceuse ó longo da costa, grazas ó fin das incursións viquingas: A Garda, Baiona, Muros, A Coruña, Viveiro, Ribadeo, todas centradas en actividades comerciais e mariñeiras.

SOCIEDADE
O cambio social máis importante desta época, polo que significou nas relacións entre señores e campesiños, foi a aparición do foro que favorecía os campesiños, pois estes non podían ser desaloxados das terras e mantiñan, debido á longa duración do contrato, unha relación máis estreita con elas. Esta masa de foreiros, dependentes dos mosteiros ou dos nobres, constituía a base da poboación.






En segundo lugar situaremos os habitantes das cidades, dende humildes artesáns a ricos comerciantes, que, aliándose de cando en vez con algúns sectores clericais populares, trataban de opoñerse ós privilexios señoriais.
Pero o vértice desta sociedade seguía ocupado pola nobreza, un grupo reducido que dispoñía de riqueaza territorial e poderío político. A nobreza laica, non obstante, experimentou un proceso de decadencia, despois do seu pasado de esplendor altomedieval, da que non se librou nin a poderosa Casa de Traba. Varias son as causas deste declive: desconfianza dos reis, dificultades para establecer liñaxes sólidos,a puxanza da nobreza eclesiástica, a posición marxinal de Galicia tras da consolidación do reino de Portugal e a definitiva unión de Castela e León, os enormes gastos de mantemento dos seus patrimonios e casas nobiliarias. Tan notorio foi este declive que incluso se viron obrigados a buscar a proteción dos señores eclesiásticos a cambio de entregarlles terras.



Casa e familia
Son pois bispos e abades os que prevalecen nesta etapa medieval. Dentro da igrexa galega a maior puxanza tíñana os mosteiros cistercienses, xa que os reis concedéronlles grandes privilexios territoriais a cambio do goberno do territorio. A explotación das súas riquezas realizábanse directamente nas granxas ou ben indirectamente mediante a cesión ós campesiños. Dende 1142 ata 1225 fundáronse 14 mosteiros de monxes brancos: Oseira, Sobrado, Melón, Meira, Monfero, Carracedo,....






Ó abeiro das actividades comerciais, en case todas as cidades instaláronse grupos minoritarios entre os que destacan os xudeus. Nalgún caso tiveron os seus propios barrios e noutros, como na Coruña, chegaron a desempeñar un importante papel económico en relación coas actividades portuarias.
Á esquerda, vemos as pricipais comunidades xudeas de Galicia no século XV, aínda que temos constancia que xa estaban establecidos nestas terras desde o s. XI desenvolvendo actividades comerciais en torno ó Camiño de Santiago e poboacións do interior, como Allaríz, Lugo, Monforte, Ourense, Ribadavia, etc. (todas elas na ruta que conectaba Galicia coa Meseta e Al-Ándalus)

AS LOITAS POLÍTICAS
Trala morte de Fernando I (1065) o seu reino dividiuse entre os seus fillos; Galicia correspondeulle a Don García, que escasamente gobernou media ducia de anos, nun territorio que se alongaba ata o río Mondego en Portugal. O seu reinado (1065-1071) remata ó se facer con el os seus irmáns Sancho de Castela e Alfonso de León, este último unirá de novo os tres reinos á morte de Sancho. O breve período do reinado de García (o máis longo, sen embargo, desde a dominación visigoda) foi a derradeira experiecia de independentismo.
Galicia nunca volverá a ser reino independente aínda que os monarcas posteriores mantiveron a titulación de reis de Galicia entre os títulos cos que encabezaban a documentación oficail. Agora pasa a ser unha provincia gobernada por condes -Comes Gallaecia- representantes do monarca, cando non polos mesmos reis, moitos deles nados ou formados en Galicia.
Pero a partir de mediados do s. XII recrudecérose as loitas políticas. No ano 1090 chegou como gobernador do Condado de Galicia, Raimundo de Borgoña, casado con Dona Urraca, irmá de Tereixa -casada con Enrique de Borgoña, conde de Portugal (ambas son fillas de Afonso VI). Á morte de Raimundo houbo unha profunda crise política: unha facción da nobreza aliouse con Dona Urraca, que defendía “a idea imperial leonesa”, mentres que outro grupo nobiliario pretendía defender os dereitos de Afonso Raimúndez, fillo de Urraca, que quedara marxinado no seu acceso ó trono leonés. Afonso Raimúndez foi proclamado rei de Galicia no 1111 polo seu aio, o conde de Traba, e consagrado polo bispo Xelmirez. Pero cando tivo ocasión de ser rei de Castela non a desaproveitou, de xeito que á morte da súa nai Urraca pasou a ser rei de Castela e León como Afonso VII, Imperator totius Hispanie, incorporando de forma definitiva Galicia ó reino castelano-leonés. Foi o derradeiro rei de Galicia e quen intentou integrar na monarquía leonesa aquel sector da nobreza galega que representaban xentes como os Traba. Tamén iniciou unha política de centralización, axudándose da Igrexa e, particularmente dos mosteiros cirtercienses (moi favaorecidos polo monarca) como Melón, Meira, Sobrado, Armenteira ou Oseira.
Pola súa banda, o fillo de Henrique de Borgoña e Dona Tereixa, Afonso Hernriques, proclamouse primeiro rei de Portugal no 1143, despois da batalla de Guimaraes e de ter usurpados os dereitos sucesorios que tiña a súa nai. A separación de Portugal, reduciu Galicia aos límites cactuais. No fondo da escisión subiacen as diferenzas existentes, dende a época romana, entre a rexión bracarense e a lucense; e obedece, así mesmo, á propia incapacidade da nobreza galega para se constituír en reino propio dende o inicio da Reconquista. Mentres o novo reino iniciaba a súa expansión cara ó sur, a Gallaecia lucense, recollida en si mesma pero unida a Europa a través do Camiño de Santiago, foi capaz de desenvolver a súa identidade ó longo da historia, especialmente a expresión literaria en romance galego-portugués.