IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Roma conquista Gallaecia

Roma incorpora a Península ó mundo romano baixo a denominación de Hispania, fronte á de Iberia empregada polo gregos (ou Ophioussa, terra de serpes). A orixe do término sería fenicia (I-shepham-im) coa significación de terra de coellos, segundo a interpretación de García Bellido. Outros historiadores interpretan que a denominación dáse na honra de Hispano, familiar de Hércules que lle outorgou, despois de vencer a Gerion e a Caco, o goberno da Península. As investigacións máis recentes volven á orixe fenicia pero cunha significación distinta: lugar de forxadores de metais.

CONQUISTA
No proceso da conquista de Gallaecia (todo o cadrante NO da Península), poden distinguirse catro fases:

1. No marco das guerras lusitanas (resistencia de Viriato), as tropas desprazadas por Roma superan a Lusitania. No 137 a.C, Décimo Xunio Bruto triunfa na batalla do Douro. Continuando cara ó Norte, ten lugar o suceso do río do esquecemento, o Limia ou Lethes
Así o conta Tito Livio
Décimo Xunio Bruto someteu a Lusitania coa conquista das cidades ata o Océano e, non querendo [os soldados] pasaren o río do esquecemento [Lethes, Limia], el mesmo pasou o estandarte arrebatado ó signífero e así convenceunos para que o pasasen.
Tamén o recorda Valeio Paterculo na súa Historia
Antes da caída de Numancia foi gloriosa a campaña de Décimo Xunio Bruto en Hispania, que penetrou por todos os pobos de Hispania, someteu unha multitude de homes e gran número de cidades, das que antes nom se oirán nomear, merecendo o alcume de  Galaico.
Tras do episodio do Limia, chega ata o Miño pero non o cruza. Conquistou todos os pobos da Gallaecia, din os textos, e non se retirou ata contemplar un solpor no mar con certa sensación de sacrilexio.Segundo a crónica de Paulo Orosio nesta expedición deron morte a case 50.000 galaicos, o que lle valeu a Bruto ser recibido en Roma con todos os honores e que o Senado lle outorgara o alcume de Gallaicus.

Actualmente na Limia celebran a festa do esquecemento que rememora os feitos do cruce do Lethes.


2. Entre o 96 e o 94 a.C., Publio Licinio Craso dirixe unha nova expedición cara ás costas galegas na procura das Cassitérides -O Dourado da antigüidade- (para algún autor serían as illas Cíes, punto de referencia para chegar a Gran Bretaña, e para outros serían as Illas Británicas). Afirma o carácter pacífico das xentes e deixa establecida unha relación comercial entre os romanos e o Noroeste.

3. Campaña de Xulio César (61-60 a.C.). Acosado polas débedas e coa idea de lograr un importante botín nas míticas Cassiterides, parte de Cádiz e chega por vía marítima a Brigantio (Coruña)
E desde alí (desde Cádiz), navegando ó longo da costa, cara a Brigantio, cidade de Gallaecia, atemorizounos e someteunos polo ruxido da navegación xa que endexamais viran unha escuadra.
DION CASSIO, 37,53
 C. Julii Caesaris rerum ab se gestarum comentarii (París, 1560) Biblioteca USC. Obsérvese o río Lethes (Limia) e o Minius (Miño)
 

4. A resistencia dos pobos cántabros, astures e galaicos, obriga ó propio Augusto a dirixir unha nova campaña militar na súa contra no marco das guerras cántabras (29-19 a.C.). Distribuíron o exército en tres columnas: unha dirixida polo propio Augusto contra Aracilum en Cantabria e o Monte Vindio; outra comandada por Publio Carisio que desde Asturica se dirixe ó Oeste, incluída a zona astur; a terceira, desde Bracara, dirixida por Caio Antisus Vetus, ten como obxectivo dominar a zona occidental. A batalla do Monte Medulio (26 a.C.), de difícil localización xeográfica (nas Médulas, monte Aloia en Tui, serra da Capelada) pon fin á conquista do NO.
Ó final tivo lugar o acoso do Monte Medulio, ó que se cercou cun foxo continuo de quince millas para conquistalo, avanzando o romano por todas parte e ó mesmo tempo. Logo de que os bárbaros ven que a fin é chegada, teimadamente, entre festas, déronse morte con lume, espada e veleno que alí extrae a xente dos teixos, e a meirande parte librouse da catividade, que lles parecía peor que a morte ós que ata ese momento non foron dominados.
L. ANNEO FLORO. II,33,50

LECTURA DOS DOCUMENTOS



 E un mapa de síntese



No novo contexto, o mundo castrexo evoluciona diferenciadamente, mentres uns castros son abandonados, outros acadan o seu apoxeo urbanístico. O proceso de integración dos vencidos seguiu formulacións xurídicas distintas, uns foron sometidos á forza, o que non garantía a súa supervivencia, mentres noutros casos se firmaron Pactos de Hospitalidade (Tessera Hospotalitatis, como a do Courel á dereita) nos que se establece unha especie de tratado de amistade, en pé de igualdade ou non, entre poboacións, ben dúas nativas ou unha nativa e outra romana.

ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA
En principio Gallaecia quedou incorporada a Lusitania, pero pronto pasou a se integrar na provincia Tarraconensis, posteriormente Caracalla separa o territorio galaico para darlle categoría de provincia co nome de Hispania Nova Citerior Antoniniana, e finalmente no s. IV Diocleciano converte o territorio de Gallaecia en provincia, cunha extensión superior á actual Galicia, de xeito que o emperador Teodosio, nacido en Cauca (Coca, Segovia) era galaico.




A provincia subdivídese en conventus iuridici (dos que dependían unidades administrativas menores, os populi e os castella; segundo Plinio o conventus lucensis constaba de16 populi) encabezados por unha cidade a modo de capital, todas con nome de Augusto:

Os límites dos conventi son bastante coñecidos e terán moita influencia para a división territorial medieval. Tiñan carácter administrativo e xurídico, xunto cunha derradeira misión: procurar unidade dentro dun poboamento tan disperso como o galaico. En época Flavia instalouse un importante continxente militar no conventus asturicensis -a Legio VII Gemina, no seu redor medrou a cidade de León- cobrando moito poder administrativo Astorga. A anterior estrutura de centurias mantívose, nun principio, como división administrativa, sendo substituída posteriormente polas civitas e os municipios.

AS VÍAS DE COMUNICACION
Para poder asentar o dominio do territorio foi decisiva a rede de comunicacións trazada polo exército, que aproveitou antigos camiños prehistóricos e fixo xurdir outros novos (as vías de penetración nun territorio sempre se creaban a media ladeira ou a maior altitude, evitando os vales).
A maior parte da infraestrutura viaria foi creada en época Flavia. De Astorga partían as calzadas que percorrían Gallaecia e que enlazaban con Braga a través de Lugo. Segundo o itinerario de Antonino (s.II), estas son as vías na Gallaecia.

XVII, de Braga a Astorga
XVIII, a mesma ruta pero por Ourense
XIX, de Braga a Lugo e logo a Astorga
XX, per loca maritima, coa mesma dirección pero cara á costa, ata Briugantium


Ademais destas grandes estradas había vías secundarias. Todas elas tiveron tan destacado desenvolvemento debido á riqueza mineira do conventus asturicense
Como restos que testemuñan o paso de estas vías temos miliarios, pontes, mansións (mansio viarum) e campamentos.





- Campamento de Ciadella, ou Cidadela, en Sobrado dos Monxes. Nel estaba asentada a Cohors Celtiberia, posiblemente coa función de protexer as minas do norte e do noroeste.


Ver Campamento Ciadella en un mapa más grande


- Campamento e mansión de Aquis Querquennis en la Via XVIII ou Via Nova (fundación)





Ver mapa más grande


En canto á navegación, as naves romanas eran de pouco calado polo que non precisaban de fondos peiraos pero si estableceron faros de axuda á navegación, claro exemplo a Torre de Hércules na Coruña.

POBOAMENTO
Os invasores propiciaron a creación de novas entidades de poboación tanto rurais coma urbanas. Se as cidades creadas por Augusto, como Lugo, se converteron en capital dos conventos xurídicos, tamén foron aparecendo outras como Flavium Brigantium (A Coruña) ou Iria Flavia (Padrón).
Cada cidade, funcionando dun xeito moi autónomo, dispuña dun territorio, o ager, para explotaren economicamente. O urbanismo presenta un trazado sinxelo (cardo-decumanus) co seu centro no foro. As vivendas eran de pisos (insulae) ou de planta baixa (domus). Ademais as cidades contaban con edificios de lecer: termas, teatros, anfiteatros.





A ORGANIZACIÓN ECONÓMICA
Economicamente os romanos practicaban a esquilma de todos os recursos, necesaria para manter a custosa administración. Impuxeron tributos en forma de imposto persoal e sobre os bens raíces, en principio só obrigatorios para os cidadáns romanos, pero cando Caracalla no 212 a.C. concedeu a cidadanía, os impostos afectaron a todos.
As transformacións máis importantes veñen referidas ó hábitat agrario e á explotación sistemática dos recursos mineiros, de xeito que a paisaxe agraria galega mudou durante os séculos do dominio romano.

A concesións do Ius Latii trouxo como consecuencia o progresivo abandono dos castros (en ocasións forzado) subtituídos por novas formas de posesión da terra: apareceron as villae, auspiciadas como explotacións agrícolas de tipo estable dirixidas por un grande propietario, romano ou romanizado, que dispoñía de abondosa man de obra, que non parece ter sido de tipo escrava. Este sistema impúxose especialmente a partir do s.III pois anteriormente só temos documentadas unha ducia de villlae romanas e todas no territorio asturicense, a partir deste século podemos documentar moitas máis. Isto non é obstáculo para supor que seguirían existindo formas tradicionais de explotación nos castro e nalgún outro tipo de aldea (que logo serán denominadas tamén villae ou vicus). Hai que ter en conta que a terminoloxía utilizada nos documentos é imprecisa e complicada, pois os romanos tiñan que utilizar o seu vocabulario para expresar relacións culturais que descoñecían. Potenciáronse as labores agrícolas introducindo novas técnicas, o arado de tracción animal, e novos cultivos como son a vide ou o liño.
Se a gandeiría sofre poucos cambios, os recursos mariños pasan a ser moito máis explotados. Crean vilas costeiras con secadoiros de peixe e instalacións de salgadura nos que se produce o garum (prebe moi cobizado elaborado coa mestura de peixes azuis coas súas entrañas macerados nu
nha salmoeira e aderezado con herbas aromáticas).
O comercio cobra un auxe especial por vía terrestre e marítima, non soamente co resto da Península senón tamén con outras culturas mediterráneas, como o testemuñan as moedas, vidros e vasillas atopadas nos xacementos. Tivo grande relevancia a creación dos fora (mercados) nos lugares que contaban xa con tradición de feiras, así o Forum Limicorum (Xinzo de Limia) ou o Forum Bibalorum (Verín). Para pesar as mercadorías empregábase a balanza de brazos desiguais ou a de brazos iguais e con contrapeso, aínda hoxe a coñecemos como romana.
Na explotación mineira, fundamental na economía galaico-romana, os romanos despregaron enormes esforzos na procura da prata, estaño e, moi especial e principalmente, ouro.


Os métodos de extraccion son ben coñecidos grazas á explicación de Plinio o Vello, quen tamén dixo:
As montañas de Hispania, que son maioritariamente áridas e estériles, e non producen nada, por forza tiñan que producir ouro
Hai prata e todo tipo de ouro en diferente proporción, unhas veces unha décima parte, outras unha octava. Pero unicamente na mina de Gallaecia chamada Albucrara (N de Portugal) se atopa nunha proporción de 1/36 e, polo tanto, avantaxa as demais.
A produción galega non era moi elevada, Plinio calcula 20 000 libras de ouro anuais (seis toneladas e media), pero concentrou unha enorme masa de man de obra, moita dela inmigrante e algunha escrava, que non minguou ata as derradeiras datas da dominación romana. No Conventus Lucensis, as explotacións centránse nas cuncas dos ríos Eo, Masma, Cabe e sobre todo na cunca media do Sil (mina da Touca e mina de Tourubio no Courel)
Unha forma de aproveitamento tradicional era o bateado das areas auríferas dos leitos dos ríos e a escavación de galerías de extración, pero Roma introduciu nova tecnoloxía: nas minas a ceo aberto empregouse un sistema mixto de lume e auga (quentar a rocha e verter logo auga fría para fracturala), nas terrazas fluviais servíronse do sistema peite (a auga almacenada era lanzada a tavés de canles con surcos controlados por comportas, e se xuntaba ó final das canles para realizar o proceso de decantación), e a máis relevante a ruina montium (galerías subterráneas polas que se solta a auga que, coa forza que trae, derruba os montes; logo guíase a auga á zona de lavadoiros). O mellor exemplo deste último sistema é o das Médulas na provincia de León (Serra do Teleno).



Ver Peite mineiro Las Omañas (León) nun mapa máis grande







Foron precisas importantes obras de enxeñeiría, comezando pola construción de novas redes hidraúlicas para captación, traída e almacenamento da auga, o que obligou aresolver os problemas expostos pola orografía por medio de túneles e canles cortados na rocha (exemplo deste túnel de Montefurado).

A ORGANIZACIÓN SOCIAL
O proceso de romanización significou a aculturación da poboación indíxena pola asunción da cultura romana; foi un proceso lento e desigual na súa intensidade espacial: moito máis profundo nos conventus asturicense e bracarense e menor no lucense. Ademais unha das características da romanización do noroeste foi que se produciu unha síntese entre a forza do proceso romanizador e a vitalidade dos valores autóctonos; de feito, moitos dos valores da cultura castrexa acadaron un enorme desenvolvemento durante a dominación romana. Indicios desta vitalidade da sociedade indíxena son a conservación da onomástica propia e a supervivencia dos populi e os castella (ou centurias), que manifestaron o seu vigor ate case o s. II. Ata o s.I, as villae tiveron escasa implantación e as aristocracias locais indíxenas mantiveron parcialmente a súa identidade, con maior ou menor grao de romanización. Outro campo no que podemos ver a pervivenza da tradición vai ser o relixiosos, xa que, aínda que se introduciron os cultos romanos, ó longo do alto Imperio (ss II-III) o elemento dominante foi o mantemento das deidades locais. Os nomes de deuses máis frecuentemente mencionados son os de Bandua e Navia. O sincretismo cultural é pois unha das características desta nova sociedade.
A sociedade romana estruturase xuridicamente en homes libres e escravos (instrumetum vocale = ferramenta que fala, en contraposición ós animais -instrumentum semivocale). Os homes libres divídense á súa vez, baixo criterio económico-social, en orde senatorial (senadores e nobreza), orde ecuestre (élite militar e administrativa) e oligarquías municipais. No caso de Galicia as referencias que temos lévannos a pensar que os poucos escravos que había pertencían ó Emperador e que exercían sobre todo como funcionarios, cun poder económico e social maior que o dos galaicorromanos libres. A escravitude, como tal, só se utilizou na explotación das minas. Non hai constancia de personaxes pertencentes ás ordes superiores ata o Baixo Imperio. En conxunto a maioría de homes libre son as xentes de orixe indíxena, pois o mundo galaicorromano estaba constituído por unha maioría indíxena e unha minoría romana ou romanizada. A aristocracia castrexa non soamente pervivíu senón que mesmo se adaptou e colaborou co poder imperial romanizándose pouco a pouco. Estas oligarquías buscaron a súa promoción social, procurando obter os plenos dereitos da cidadanía romana e, se fora posible, a ascensión ás ordes superiores, a través da participación no exército, no culto imperial e na vida municipal.
Hai débiles movementos de poboación, tanto inmigratorios como emigratorios. No primeiro caso recíbense familias enteiras, maioritariamente homes libres, procedentes de outros lugares da Meseta, para traballar como mineiros, artesáns ou comerciantes. Igualmente temos constancia de soldados de orixe galaico prestando servizo nas lexións romanas en remotos lugares, e incluso de mineiros traballando en outros lugares da Meseta. Igualmente se dan movemento internos de poboación do campo ás recen creadas cidades, e incluso entre elas.

ARTE E CULTURA
Mosaico de Dédalo (Lugo)
No capítulo da arte, a influenza que a romanización deixou no territorio galaico maniféstase especialmente en dous aspectos: por unha banda, na construción de importantes obras de arquitectura, xeralmente de carácter público; e, pola outra, na difusión de obras pictóricas, que teñen no mosaico a súa principal expresión. Na arquitectura compre salientar as murallas da cidade de Lugo, construídas como bastión defensivo no s. II. Pero tamén son importantes obras como a Torre de Hércules, a ponte do río Bibei, termas como as de Lugo e oratorios como Santa Eulalia de Bóveda. Os mosaicos conservados non son moitos e adoitan estar moi fragmentados. Os máis importantes proceden de Lugo, pero tamén de algunhas villae.
Polo que respecta ás personalidades, a Galicia tardorromana manifesta un esplendor cultural sorprendente. Coñecemos altos funcionarios de orixe galaica congregados ó redor do Emperador Teodosio, nado el mesmo nas fronteiras desta provincia, ou escritores como a monxa Erexia (a finais do s. IV relata a súa viaxe a Terra Santa), Avito -discutido emperador-, Hidacio -bispo de Chaves-, o monxe Baquiario e Paulo Orosio, autor da primeira historia universal dentro da tradición cristiá. A maior parte destes autores teñen en común ter nacido ou estar formados na Braga cristiá, efectuar viaxes a Oriente e trabar relacións cos máis importantes pensadores da época.
Un último aspecto cultural é a presenza e expansión do cristianismo nestas terras (sartego de Temes en Carballedo e, á dereita, o crismón de Quiroga, s. V). Aquí penetra máis tarde que nas provincias mediterráneas, ,oito máis romanizadas. Podemos pensar que a súa presenza terá lugar a partir do ano 200, sendo as primeiras comunidades coñecidas da metade do século III. Esta implantación do cristianismo non foi, obviamente, homoxénea, pero as principais cidades fóronse convertendo en sés episcopais ó longo do s. IV, (os primeiros bispados foron os de Lucus, Iria e Britonia, á este último pertenceu o bispo Mailoc) mentres no seo da poboación rural mantíñanse os ritos e cultos pagáns, un sincretismo visible en testemuñas epigráficas ben coñecidas en todo o territorio norteño. Pero o mellor indicio da progresión do cristianismo en Galicia é a existencia da figura de Prisciliano e o desenvolvemento dun movemento relixioso, o priscilianismo, que campou por Galicia a partir do derradeiro terzo do s. IV e ata a época sueva.