IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

Unidades morfolóxicas



UNIDADES DE RELEVO INTERIOR


Serras. Denomínase serra a realidades moi distintas, en xeral todo o que non é val ou chaira, superando os 200 m de altitude. Caracterízanse por:
- ocupar máis da metade do territorio galego.
- ter formas redondeadas debidas á erosión.
- acadar maior altura  no leste e no sur.
  • Serras setentrionais. Son serras de escasa altitude que configura un dorsal case continuo. Destacan O  Xistral (Cadramón), Montes do Buio, A Gañidoira. 
  • Serras centro-occidentais. Discorren próximas á costa en dirección norte-sur conformando a Dorsal Galega desde serra da Faladoira ata Faro de Avión, pasando, entre outras, por Serra da Loba, Cova da Serpe, Montes do Testeiro e Serra do Suído. Acada os 210 quilómetros de lonxitude.
  • Serras orientais e sudorientais. Son as máis elevadas e presentan fenómenos de glaciarismo visible nas morenas e no modelado dos vales en U. As principais son as orientais dos Ancares e a do Courel, xunto cos Macizos de Manzaneda (engloba as serras da Queixa, San Mamede e os Montes de Invernadoiro) e o de Trevinca (inclúe a serra do Eixe e A Carba e ao sur a Serra de Segundeira) onde Pena Trevinca é o punto de maior altitude galega cos seus 2127 m. Outras serras menores son as de Leboreiro e do Xurés. 
Depresións: corresponden a fosas tectónicas afundidas como resultado do movemento alpino. Rodeadas de serras ou de chairas máis elevadas, escasamente superan os 300 m. As principais son a Meridiana (de Carballo a Tui), a das Pontes, a de Meirama, a de Sarria-Monforte-Quiroga, a da Terra Cha e a da Limia e Verín.
Chairas de erosión. Son terras do interior de Lugo e Ourense aplanadas e moi erosionadas pola acción fluvial, situadas a unha altitude entre 400-600 m, como Bergantiños, Carballiño, Terra de Chantada.


O LITORAL
A fachada litoral galega, duns 1300 Km, resulta pouco uniforme, de xeito que podemos ver tanto grandes cantís rochosos coma suaves praias. Esta costa tan recortada favorece o asentamento da poboación, ó contar con numerosos portos naturais.

- de Ribadeo a Burela encontramos a rasa cantábrica, antiga plataforma costeira aplanada polas augas mariñas cando o nivel do mar era superior




 - segue logo unha costa de fortes cantís, os da Capelada son dos máis altos de Europa


- tras do Golfo Ártabro alternan rías e suaves pendentes con importantes cantís (Costa da Morte), longas praias e lagoas costeiras


Formación distintiva son as rías e sobre a súa orixe existen diversas teorías. En xeral, hai coincidencia en que non todas as rías teñen a mesma orixe, de modo que hoxe danse como posibles tres razóns básicas sobre a súa orixe: asolagamento dun val fluvial (ría de Foz, afundimento de bloques debido a forzas tectónicas (ría de Vigo) ou inundación polo mar de antigas cubetas ou depresións (ría de Arousa). A ría de Viveiro sería exemplo de ría mixta.
Podemos clasificalas, segundo a súa localización e trazos morfolóxicos, en tres grupos:
  • Rías Altas, as cantábricas (....)
  • Rías Medias, correspondentes ó Golfo Ártabro e á península de Fisterra (...)
  • Rías Baixas, a partir de Muros (...). Neste tramo encóntranse as dunas de Corrubedo, as máis importantes de Galicia
Igualmente se poden diferenciar por ser amplas e areosas (Arousa) ou estreitas e profundas (Ferrol).
A miúdo presentan illas na súa boca que actúan de barreira protectora contra os ventos (Cíes en Vigo, Ons en Pontevedra, Sálvora en Arousa).
Tamén adoitan encontrarse farallóns, rochedos residuais resultantes da destrución polas ondas dos temporais dos saíntes costeiros, e tómbolos como O Grove no que a praia da Lanzada constitúe a frecha que une o illote ó continente.