A situación de Galicia, no Noroeste da Península Ibérica, a cabalo do Océano Atlántico e dos ambientes climáticos da Meseta, xunto coa súa morfoloxía, deu como resultado unha grande diversidade climática.
O clima galego clasifícase como clima temperado de dominio oceánico sendo determinante o Océano Atlántico que baña as súas costas e que inflúe en toda Galicia, se ben con importantes diferenzas entre a costa e o interior, polo que ha de falarse de clima oceánico puro e oceánico de transición.
Obsérvanse diferenzas tanto de temperaturas, dende o mar cara ó interior (maior amplitude térmica*) e dende o Norte ó Sur (superior temperatura media), coma de precipitacións, cun litoral máis chuvioso fronte ó interior no que se rexistran secas estivais prolongadas.
Os elementos que caracterizan un clima, son moitos: a temperatura, as precipitacións, a aridez, as néboas, os ventos, a nubosidade, as xeadas (no interior poden superar os 50 días ó ano), a insolación. Pero de todos eles, os principais son a temperatura e as precipitacións.
a) TEMPERATURAS.
En xeral, as temperaturas son suaves ó longo do ano sen contrastes apreciables: temperatura media anual entre 10º e 15º C.
Pero estas medias quedan matizadas por:
- A oceanidade fai que nas zonas costeiras non aparezan temperaturas extremas, pois o mar modera as temperaturas. A amplitude térmica é de 9º na Coruña.
- A continentalización coa conseguinte perda da acción reguladora do océano, fai que a amplitude térmica sexa maior no interior (por riba dos 20º) que na costa. Na Terra Cha ou en Santiago a amplitude térmica acada os 10º-15º , e en Valdeorras supera os 15º
-A latitude, determina que as temperaturas medias sean máis baixas cara ó Norte: en Coruña a media de días que superan os 25º é de 9, mentres que en Vigo é de 40º.
b) PRECIPITACIÓNS
Son abundantes en toda a rexión, oscilando a media anual entre os 600 mm e os 2500 mm. Ó contrario que as temperaturas, as precipitacións e o número de días con choiva van descendendo de noroeste a sueste. Así, na Coruña recóllense 968 mm de auga anuais fronte ós 1.341 de Vigo.
Na distribución das precipitacións inflúe:
- O relevo porque a súa disposición facilita ou dificulta (corredores e barreiras orográficas) a introdución de masas de aire húmido procedentes do Atlántico.Polas Rías Baixas penetran os ventos húmidos e temperados do oeste e suroeste, polas Rías Altas penetran os ventos frescos e húmidos das borrascas do norte. Nos dous casos, as masas que avanzan polas rías son detidas polas serras do fondo, acumúlanse en nubes e reforzan as precipitacións.
-A lonxitude e latitude modifican o tipo e ritmo de precipitacións. Así, son anualmente máis regulares no norte e no oeste, mentres que no sur e no leste son máis torrenciais e estacionais, acusando un importante mínimo de verán con ata dous meses de seca.
Segundo a orixe, as precipitacións (choiva, neve ou granizo) poden ser:
- Convectivas. Cando unha superficie se quenta moito, tamén se quenta o aire que hai encima que en consecuencia comeza a ascender. Entón ....
- De relevo. Se hai un relevo no avance dunha masa de aire húmida, esta precisa ascender. Entón .....
- De fronte. Se dúas masas de aire distintas, unha fría e outra cálida, chocan, entón ...... (verémolo logo)
FACTORES
Son os trazos particulares permanentes que exercen unha influencia constante e invariable, ou cíclica, sobre os elementos climáticos.
Clasifícanse en dous grupos: xeográficos e termodinámicos.
a) XEOGRÁFICOS
- Latitude. Galicia está situada entre os 42º e os 44ºN de latitude xeográfica, entre o Círculo Polar Ártico e o Trópico de Cáncer, na zona temperada, quedando pois baixo a influencia do aire polar e das masas tropicais que inflúen estacionalmente no seu clima. Tamén a latitude determina a radiación solar, que será menor canto máis ó norte nos situemos.
- Relevo, que actúa tanto sobre as temperaturas coma sobre as precipitacións.
As temperaturas diminúen coa altura (gradiente térmico vertical), extremanse anual e diariamente (amplitude térmica anual e diaria), e diferencianse entre as que hai nas vertentes de solleiro -orientada ó sur- e nas vertentes de umbría -orientada ó norte).
As precipitacións, aumentan coa altura e polo efecto föehn, de xeito que as vertentes dos relevos periféricos que dan á costa reciben máis humidade por estaren a barlovento que as vertentes opostas que están a sotavento.
A razón está en que as masas de aire ó topar cun obstáculo orográfico vense obrigadas a ascender, entón arrefrían, condénsanse e dan lugar a precipitacións; logo descenden por sotavento aumentado a temperatura e producindo sequidade.
Fíxate como nos Ancares vemos a diferencia entre a vexetación das vertentes.
E mira este video con olas no mar de nubes
- A influencia marítima marca a diferenza entre oceanidade e continentalidade.
Nas costas, o mar suaviza as temperaturas e os contrastes, mentres que nas áreas do interior, lonxe do mar, sucede ó contrario. No litoral, incrementase a formación de nubes e a humidade relativa e, consecuentemente, aumentan as precipitacións. Tamén no litoral se producen as brisas costeiras pola diferenza de temperaturas entre mar e terra.
b) TERMODINÁMICOS
Son os motores da circulación atmosférica:
en altura: a corrente en chorroen superficie: as masas de aire, as frontes e os centros de acción
- A corrente en chorro ou Jet Stream circula, de oeste a leste, a unha altitude en torno ós 11.000 m, unha velocidade entre 100 e 300 Km/h. Separa as masas árticas e polares das masas subtropicais, de xeito que se asocia á fronte polar.
Non permanece sempre nas mesmas latitudes, en inverno, ralentízase e ocupa unha posición máis meridional polo que as masas frías tamén descenden; pola contra, no verán con máis velocidade ascende de latidude deixando subir as masas tropicais.
2. Animación realizada pola NASA
2. Gráfico para observar as ondulacións estacionais
Como acabamos de ver, en primavera e outono forma ondas (cristas/dorsais* e valgadas*) que provocan que o aire tropical penetre moi ó norte ou masas frías descendan moi ó sur, así como os desprendementos que dan lugar a gotas frías.
Cando se estrangula unha valgada e deixa solta unha bolsa de aire moi frío (DANA: depresión illada en niveis altos), prodúcense as gotas frías, frecuentes no Mediterráneo a finais do verán ou principio de outono. Nestes casos, unha masa de aire moi quente e húmida se eleva sobre o Mediterráneo, no seu ascenso topa coa masa fría que hai en altura, ascende sobre ela, arrefría, entón condensase en nubes e precipita con fortes tormentas. As consecuencias adoitan ser catastróficas.
Nesta páxina temos unha explicación da formación das gotas frías.
- As masas de aire son grandes porcións de aire, máis extensas que altas, con características de temperatura e humidade horizontalmente homoxéneas, adquiridas nas súas rexións mananciais.
Clasifícanse por latitude (indica a temperatura) e pola superficie de orixe (indica a súa humidade. As principais son a ártica e a tropical (en menor medida a polar), subdivididas en marítima e continental.
- As frontes son superficies de descontinuidade que separan dúas masas de aire que por ter características distintas non se mesturan.
Poden ser de catro tipos (vemolos coas animacións):
- cálida
- fría
- ocluída
- estacionaria
Móvense de oeste a leste producindo perturbacións atmosféricas xeradoras de inestabilidade, a miúdo con precipitacións.
De grande importancia pola súa influencia é a Fronte polar que separa as masas de aire tropical –cálida e lixeira- e polar -fría e densa- A primeira ascende sobre a segunda. Non está sempre nas mesmas latitudes, senón que se despraza, en correlación coa corrente en chorro, segundo a estación do ano: no verán situase por riba de Galicia e no inverno un pouco máis ó sur, momento no que a súa influencia é maior.
A fronte polar e as súas características ondulacións |
Ó longo desta fronte orixínanse unha serie de borrascas de tipo ondulatorio separadas por cuñas anticiclónicas (circulación en omega que remata por ocluírse) empuxadas polos ventos do oeste.
- Os centros de acción son áreas de alta (anticiclón) ou baixa (borrasca) presión que poñen en funcionamento as masas de aire.
Ademais de solas atopámolas distribuídas en bandas horizontais simétricas ó Ecuador (aínda que varían estacionalmente).
Borrascas
Presión no centro inferior á 1013 mb
Xiran en sentido antihorario
Aire con nubes que ascende
Inestabilizan o tempo por seren receptores de ventos Tempo nuboso e con precipitacións
Anticiclóns
Presión no centro superior ós 1013 mb
Xira en sentido horario
Aire seco e sen nubes que descende e escapa
Estabiliza a atmosfera ó bloquear as borrascas
Tempo seco, frío ou cálido segunda a estación
Os centros de acción represéntanse nos mapas do tempo por medio de isóbaras, liñas pechadas que unen puntos de igual presión. Ó aire desprázase dun anticiclón a unha borrasca seguindo practicamente as liñas das isóbaras que aparecen representadas nos mapas do tempo. Canto máis xuntas están máis forte é o centro de acción.
Mira esta animación
Para Galicia é fundamental o anticiclón das Azores. Varía de posición ó longo do ano en relación coa corrente en chorro e a fronte polar: no verán, cando a fronte polar se sitúa sobre os 60ºN, quedamos baixo a súa influencia con tempo cálido e seco (fai de barreira contra as borrascas do oeste); no inverno, ó situarse máis meridional a fronte polar, quedamos baixo as influencias das baixas presións noratlánticas que traerán frío e precipitacións (ou moito frío e aire seco se penetran os anticiclóns polares).
¿Que ves neste mapa do tempo?
E aínda que non falamos nada do vento, quedemos con este mapa eólico de Galicia. ¿Que te suxire?
EXERCICIOS