IES MARÍA SARMIENTO. VIVEIRO

a

ELEMENTOS E FACTORES























A situación de Galicia, no Noroeste da Península Ibérica, a cabalo do Océano Atlántico e dos ambientes climáticos da Meseta, xunto coa súa morfoloxía, deu como resultado unha grande diversidade climática. 
O clima galego clasifícase como clima temperado de dominio oceánico sendo determinante o Océano Atlántico que baña as súas costas e que inflúe en toda Galicia, se ben con importantes diferenzas entre a costa e o interior, polo que ha de falarse de clima oceánico puro e oceánico de transición. 
Obsérvanse diferenzas tanto de temperaturas, dende o mar cara ó interior (maior amplitude térmica*) e dende o Norte ó Sur (superior temperatura media), coma de precipitacións, cun litoral máis chuvioso fronte ó interior no que se rexistran secas estivais prolongadas.


ELEMENTOS
Os elementos que caracterizan un clima, son moitos: a temperatura, as precipitacións, a aridez, as néboas, os ventos, a nubosidade, as xeadas (no interior poden superar os 50 días ó ano), a insolación. Pero de todos eles, os principais son a temperatura e as precipitacións.

a) TEMPERATURAS
En xeral, as temperaturas son suaves ó longo do ano sen contrastes apreciables: temperatura media anual entre 10º e 15º C. 

Pero estas medias quedan matizadas por:
- A oceanidade fai que nas zonas costeiras non aparezan temperaturas extremas, pois o mar modera as temperaturas. A amplitude térmica é de 9º na Coruña.

- A continentalización coa conseguinte perda da acción reguladora do océano, fai que a amplitude térmica sexa maior no interior (por riba dos 20º) que na costa. Na Terra Cha ou en Santiago a amplitude térmica acada os 10º-15º , e en Valdeorras supera os 15º

-A latitude, determina que as temperaturas medias sean máis baixas cara ó Norte: en Coruña a media de días que superan os 25º é de 9, mentres que en Vigo é de 40º.

b) PRECIPITACIÓNS
Son abundantes en toda a rexión, oscilando a media anual entre os 600 mm e os 2500 mm. Ó contrario que as temperaturas, as precipitacións e o número de días con choiva van descendendo de noroeste a sueste. Así, na Coruña recóllense 968 mm de auga anuais fronte ós 1.341 de Vigo.
Na distribución das precipitacións inflúe:
- O relevo porque a súa disposición facilita  ou dificulta (corredores e barreiras orográficas) a introdución de masas de aire húmido procedentes do Atlántico. 
Polas Rías Baixas penetran os ventos húmidos e temperados do oeste e suroeste, polas Rías Altas penetran os ventos frescos e húmidos das borrascas do norte. Nos dous casos, as masas que avanzan polas rías son detidas polas serras do fondo, acumúlanse en nubes e reforzan as precipitacións.

Fíxate como as Rías Baixas con orientación SW se converten en vías de penetración  dos sistemas nubosos que avanzan ata as serras de Suido, Faro de Avión e Montes do Testeiro. No seu ascenso verten as precipitacións nas vertentes occidentais situadas a barlovento

-A lonxitude e latitude modifican o tipo e ritmo de precipitacións. Así, son anualmente máis regulares no norte e no oeste, mentres que no sur e no leste son máis torrenciais e estacionais, acusando un importante mínimo de verán con ata dous meses de seca.




Segundo a orixe, as precipitacións (choiva, neve ou granizo) poden ser: 


 - Convectivas. Cando unha superficie se quenta moito, tamén se quenta o aire que hai encima que en consecuencia comeza a ascender. Entón ....


 - De relevo. Se hai un relevo no avance dunha masa de aire húmida, esta precisa ascender. Entón .....



 - De fronte. Se dúas masas de aire distintas, unha fría e outra cálida, chocan, entón ...... (verémolo logo)




FACTORES
Son os trazos particulares permanentes que exercen unha influencia constante e invariable, ou cíclica, sobre os elementos climáticos. Clasifícanse en dous grupos: xeográficos e termodinámicos. 


a) XEOGRÁFICOS

- Latitude. Galicia está situada entre os 42º e os 44ºN de latitude xeográfica, entre o Círculo Polar Ártico e o Trópico de Cáncer, na zona temperada, quedando pois baixo a influencia do aire polar e das masas tropicais que inflúen estacionalmente no seu clima. Tamén a latitude determina a radiación solar, que será menor canto máis ó norte nos situemos.







- Relevo, que actúa tanto sobre as temperaturas coma sobre as precipitacións. 
As temperaturas diminúen coa altura (gradiente térmico vertical), extremanse anual e diariamente (amplitude térmica anual e diaria), e diferencianse entre as que hai nas vertentes de solleiro -orientada ó sur- e nas vertentes de umbría -orientada ó norte).









As precipitacións, aumentan coa altura e polo efecto föehn, de xeito que as vertentes dos relevos periféricos que dan á costa reciben máis humidade por estaren a barlovento que as vertentes opostas que están a sotavento. 
A razón está en que as masas de aire ó topar cun obstáculo orográfico vense obrigadas a ascender, entón arrefrían, condénsanse e dan lugar a precipitacións; logo descenden por sotavento aumentado a temperatura e producindo sequidade. 


Fíxate como nos Ancares vemos a diferencia entre a vexetación das vertentes.







E mira este video con olas no mar de nubes




A influencia marítima marca a diferenza entre oceanidade e continentalidade. Nas costas, o mar suaviza as temperaturas e os contrastes, mentres que nas áreas do interior, lonxe do mar, sucede ó contrario. No litoral, incrementase a formación de nubes e a humidade relativa e, consecuentemente, aumentan as precipitacións. Tamén no litoral se producen as brisas costeiras pola diferenza de temperaturas entre mar e terra.



b) TERMODINÁMICOS
Son os motores da circulación atmosférica:
en altura: a corrente en chorroen superficie: as masas de aire, as frontes e os centros de acción


- A corrente en chorro ou Jet Stream circula, de oeste a leste, a unha altitude en torno ós 11.000 m, unha velocidade entre 100 e 300 Km/h. Separa as masas árticas e polares das masas subtropicais, de xeito que se asocia á fronte polar. Non permanece sempre nas mesmas latitudes, en inverno, ralentízase e ocupa unha posición máis meridional polo que as masas frías tamén descenden; pola contra, no verán con máis velocidade ascende de latidude deixando subir as masas tropicais.






Mira estes vídeos e animacións:
1. O aproveitamento do Jet Stream.




2. Animación realizada pola NASA



2. Gráfico para observar as ondulacións estacionais



Como acabamos de ver, en primavera e outono forma ondas (cristas/dorsais* e valgadas*) que provocan que o aire tropical penetre moi ó norte ou masas frías descendan moi ó sur, así como os desprendementos que dan lugar a gotas frías.
Cando se estrangula unha valgada e deixa solta unha bolsa de aire moi frío (DANA: depresión illada en niveis altos), prodúcense as gotas frías,  frecuentes no Mediterráneo a finais do verán ou principio de outono. Nestes casos, unha masa de aire moi quente e húmida se eleva sobre o Mediterráneo, no seu ascenso topa coa masa fría que hai en altura, ascende sobre ela, arrefría, entón condensase en nubes e precipita con fortes tormentas. As consecuencias adoitan ser catastróficas.

Nesta páxina temos unha explicación da formación das gotas frías.



- As masas de aire son grandes porcións de aire, máis extensas que altas, con características de temperatura e humidade horizontalmente homoxéneas, adquiridas nas súas rexións mananciais. 
Clasifícanse por latitude (indica a temperatura) e pola superficie de orixe (indica a súa humidade. As principais son a ártica e a tropical (en menor medida a polar), subdivididas en marítima e continental.





- As frontes son superficies de descontinuidade que separan dúas masas de aire que por ter características distintas non se mesturan. 

Poden ser de catro tipos (vemolos coas animacións): 
- cálida
- fría
- ocluída
- estacionaria
Móvense de oeste a leste producindo perturbacións atmosféricas xeradoras de inestabilidade, a miúdo con precipitacións. 
De grande importancia pola súa influencia é a Fronte polar que separa as masas de aire tropical –cálida e lixeira- e polar -fría e densa- A primeira ascende sobre a segunda. Non está sempre nas mesmas latitudes, senón que se despraza, en correlación coa corrente en chorro, segundo a estación do ano: no verán situase por riba de Galicia e no inverno un pouco máis ó sur, momento no que a súa influencia é maior. 


 A fronte polar e as súas características ondulacións

Ó longo desta fronte orixínanse unha serie de borrascas de tipo ondulatorio separadas por cuñas anticiclónicas (circulación en omega que remata por ocluírse) empuxadas polos ventos do oeste.






- Os centros de acción son áreas de alta (anticiclón) ou baixa (borrasca) presión que poñen en funcionamento as masas de aire. 
Ademais de solas atopámolas distribuídas en bandas horizontais simétricas ó Ecuador (aínda que varían estacionalmente). 






Borrascas
Presión no centro inferior á 1013 mb
Xiran en sentido antihorario 
Aire con nubes que ascende 
Inestabilizan o tempo por seren receptores de ventos Tempo nuboso e con precipitacións



Anticiclóns
Presión no centro superior ós 1013 mb 
Xira en sentido horario 
Aire seco e sen nubes que descende e escapa 
Estabiliza a atmosfera ó bloquear as borrascas 
Tempo seco, frío ou cálido segunda a estación





Os centros de acción represéntanse nos mapas do tempo por medio de isóbaras, liñas pechadas que unen puntos de igual presión. Ó aire desprázase dun anticiclón a unha borrasca seguindo practicamente as liñas das isóbaras que aparecen representadas nos mapas do tempo. Canto máis xuntas están máis forte é o centro de acción.


Mira esta animación



Para Galicia é fundamental o anticiclón das Azores. Varía de posición ó longo do ano en relación coa corrente en chorro e a fronte polar: no verán, cando a fronte polar se sitúa sobre os 60ºN, quedamos baixo a súa influencia con tempo cálido e seco (fai de barreira contra as borrascas do oeste); no inverno, ó situarse máis meridional a fronte polar, quedamos baixo as influencias das baixas presións noratlánticas que traerán frío e precipitacións (ou moito frío e aire seco se penetran os anticiclóns polares).




¿Que ves neste mapa do tempo?



E aínda que non falamos nada do vento, quedemos con este mapa eólico de Galicia. ¿Que te suxire?







EXERCICIOS



DEMOGRAFÍA E HABITAT

Abaixo vemos a cifra de poboación (INE) de Galicia a 1 de xaneiro de 2012. A provincia con máis poboación éA Coruña mentres Ourense ocupa o derradeiro lugar.






Antigo Réxime

O GOBERNO DE GALICIA
O trazo básico ven dado pola centralización e a conseguinte perda de autonomía, de modo a personalidade e o papel políticoque Galicia foise diluindo; a decadencia da lingua propia foi unha das máis claras manifestacións.
O control político comeza coa creación da Real Audiencia en 1480 por parte dos RRCC coa finalidade de someter e pacificar o reino e restaurar a xustiza real fronte ós señores, acostumados a non obedecer máis que os seus propios intereses. Un destes procesos foi o seguido contra o Mariscal Pedro Pardo de Cela.  
O exercicio do poder local realizábase a través de:
xurisdicións, que correspondían tanto a unha referencia xeográfica como ó titular que sobre elas exercía o señorío, e os coutos, con poucos veciños
parroquias, subdivisión eclesiástica dentro duns e outros
correximentos dalgunhas cidades e provincias (inicialmente cinco e logo sete)
A organización dos poderes nestas xurisdicións e correximentos era competencia dos señores que podían nomear a todos ou parte dos membros dos gobernos locais, así como a todos os encargados de administrar xustiza, e percibían os tributos dos seus vasalos. Este señor en poucas ocasións era o rei, pois a maior parte eran señoreadas pola alta nobreza (Lemos, Altamira, Ribadavia, ...), os bispos ou os abades. Por exemplo, o arcebispo de Santiago era o señor do 18% da poboación de Galicia.
Unha nova institución creada nestes séculos vai ser a Xunta do Reino, composta por un representante (procurador) de cada unha das sete provincias do reino. O procurador que exercía a representación da Xunta fóra de Galicia era denominado Deputado Xeral do Reino. A orixe desta institución está nas irmandades ou xuntas medievais. As súas funcións eran moi variadas, dende a recadación de impostos e levas militares ata a renovación dos foros. Un dos asuntos máis discutidos foi o de lograr o voto para Galicia nas Cortes de Castela, o que non se logrou ata 1622. A capacidade de acción desta institución foi, en realidade, relativa xa que mantivo unha actitude máis chorona e lastimeira con queixas ou peticións dirixidas ó Rei, que non sempre eran atendidas.
Outro cargo era o de Capitán Xeneral, que actuaba como representante do monarca no reino e presidía a Xunta e a Audiencia. Este cargo gozaba de enormes competencias gobernativas, xudiciais e militares, aínda que moitas das súas funcións terminou por delegalas nas institucións que presidía, especialmente na Audiencia. Como representante do rei foi facendo patente a idea de centralización política e administrativa propia dos borbóns.
O principal órgano política neste períodos será, sen dúbida, a Audiencia. Naceu das reformas emprendidas polos RRCC en 1480, aínda que ata o final do XVI non se asentou como tribunal fixo de xustiza. En principio será un tribunal itinerante, pero en 1563 se asentará en Coruña. Unha das súas actividades máis constantes foi a regulación xurídica de conflitos entre particulares ou entre institucións: litixios relativos á propiedade da terra, herdanzas, sucesións en morgados, titularidade de montes, etc. O principal mérito da institución foi o de espallar a práctica do dereito en todo o territorio galego fronte á práctica da xustiza señorial ou mesmo da violencia. O creto da Audiencia entre o campesiñado foi tal que a chamaban “a fonte limpia”.
A POBOACIÓN
Os trazos ue a caracterizan son:
  • os efectivos duplicáronse entre o século XVI e mediados do XVIII, especialmente no litoral Non resulta estraño, pois, que sexa considerada nestes datas como un país moi poboado dentro do contexto español, pois dobra en densidade de poboación (45 hab/km2) ó Principado de Cataluya. Entre as razóns da alza está a expansión do cultivo do millo e da pataca.
  • a distribución espacial era daquela máis homoxénea que na actualidade, aínda que os desprazamentos cara ó litoral foron cada vez máis evidentes, especialmente dende mediados so XVIII. As provincias de Santiago e de Tui foron as que máis creceron nestas derradeiras datas.
  • o crecemento foi basicamente rural, feito que hai que por en relación coa evolución da agricultura e da industria rural. A porcentaxe da poboación galega que habitaba en núcleos urbanos era a finais do século XVI do 7,2%, sendo a cidade de Pontevedra a máis populosa, cuns 8000 habitantes. No XVIII a porcentaxe seguía a ser similar, pero as cidades máis grandes eran Ferrol, cuns 25000 habitantes, e Coruña e Santiago, con 15000.
  • contrariamente a outras zonas, no século XVIII a natalidade era bastante baixa en Galicia e tamén a mortalidade, en especial a infantil: morrían un 30 ou 40 % dos nados antes de chegar ós 18 anos. A frecuencia de crises de subsistencia e pestes, obrigaron a extremar as medidas de hixiene
XXVII. Otrosí ordenaron y mandaron que ninguna persona dé a comer a los puercos en la calle ni plaza, ni tengan en la calle maseira de piedra ni de madera para les dar en ellas de comer [...].XXVIII. Otrosí ordenaron y mandaron que ninguna persona eche agua sucia ni limpia por ventana de ninguna casa, y que si alguna vez echare, el que la echare diga tres veces, una en pos de otra, ¡agua va! y en alta voz, que lo oigan los que pasen por la calle, so pena que el que lo contrario hiciere pague por cada vez cien maravedíes y satisfaga el daño al que lo hiciere CONCEJO DE SANTIAGO. Ordenanzas municpales, 1569
  • a alta densidade provocou certo desequilibrio cos recursos dispoñibles, o que favoreceu unha intensa corrente migratoria, distinta da tradicional andoriña ás terras casteláns para traballos agrícolas, -sega- que expulsou importantes excedentes poboacionais. Un destino migratorio frecuente, e moitas veces definitivo, eran as Indias e, sobre todo, Portugal. Estímase que durante a segunda metade do século XVIII abandonaron Galicia unhas 350 000 persoas, especialmente cara a O Porto, Lisboa e Madrid. Outro tipo de desprazamentos foron os temporeiro, de importantes continxentes de traballadores cara a Castela e Andalucía nos meses da primavera e o verán.

A ECONOMÍA
a) Novos cultivos
A agricultura galega realizou un extraordinario esforzo na ampliación do seu espazo de cultivo e de intensificación do proceso produtivo, procurando así unha maior cantidade de recursos para unha poboación en crecemento. Xunto ós cultivos tradicionais (centeo, legumes, hortalizas), potenciouse especialmente o cultivo da vide, e introducíronse outros novos: millo e pataca, pero tamén pementos, tomates, feixóns,...
O millo procedente das Américas, iniciou a súa penetración a primeiros do XVII nas rías de Arousa e Pontevedra, propagándose cunha rapidez extraordinaria: arredor de 1650, no litoral, supuña xa os dous terzos da produción de cereais. Co seu éxito acabou por roubar o nome ó antigo millo que rotaba co centeo, así o vello pasa a denominarse millo miúdo ou paínzo en contraposición do novo: millo, millo gordo ou maínzo.
Segundo Bouza Brey o primeiro millo veu no ano 1604 traído desde Florida polo Capitán Xeral da Florida, o almirante asturiano Don Gonzalo Méndez de Cancio, e a súa muller Dona Magdalena de Luaces. O millo viaxou en dúas arcas pelo menos; unha perdeuse no século pasado, mais a outra consérvase en Casariego, no oeste de Asturias, de onde era o Almirante
Mentres D Gonzalo comezou o cultivo nas súas propiedades asturianas e  algunha galega, a súa dona cultivouno nas terras de Mondoñedo onde estaba a súa casa (foi o seu pai quen plantou a arboreda que hoxe seguimos vendo camiño da capela dos Remedios).
Desde a costa foise estendendo cara ó interior a través dos vales fluviais; unicamente tivo problemas de adaptación nas zonas do interior lugués e ourensán onde se empregou máis para facer papas que pan.
As vantaxes deste cultivo eran os altos rendementos (ata 10 veces superiores ós do centeo), un ciclo vexetativo curto (de primavera e de outono) e a súa fariña de doada panificación (pan de boroa).
Como ben dicía Fr. Martín Sarmiento, "más útil ha sido a España la primera espiga de maíz que se ha traído de América para ser sembrada que todo el cerro del Potosí"

O aumento do millo impulsou o desenvolvemento dos cabazos/cabozos para o secado do gran e o dos muíños de auga -de río, de canle, de maré/aceas- ou vento (tivemos un no alto de Celeiro) para a moenda.






 
Muíños de canle en Bares. Son cinco muíños encadeados na pendente do cantil

 
Muiño de maré, Senra-Ortigueira



O segundo novo cultivo incorporado máis serodiamente foi a pataca, de forma complementaria ó millo. Xa era coñecida dende o derradeiro terzo do XVI pero só se empregaba como alimento do gando porcino. O seu cultivo non foi importante ata a primeira metade do século XVII nas zonas montañosas do interior, para difundirse á présa ó abeiro das crises e fames do último terzo dese mesmo século.
Antes del año mil setecientos sesenta y ocho, año en el cual padeció Galicia los azotes del hambre y de la peste, sólo en esta provincia [Mondoñedo] se cultivaban las patatas, y en corta cantidad; pero desde aquella época se han ido extendiendo considerablemente por todas las demás provincias del reino (...). En todas partes se dan, y es un excelente recurso para suplir la falta de granos, mayormente en Galicia, donde las lluvias frecuentes son las que por lo regular ponen en riesgo las cosechas por el verano, pues estas mismas lluvias sirven para engordar las patatas.
José Lucas Labrada Romero. Descipción económica del Reino de Galicia, 1804

b) A organización das labranzas
O nivel tecnolóxico mantívose no seu horizonte medieval e as explotacións agrarias foron cada vez máis pequenas: unha media de 2-3 hectáreas na costa e de 4 no interior. Non obstante, o que predominaba era o policultivo; ademais, a complementariedade entre a agricultura e gandería (vacún e porcino) estaba moi afirmada. Esta condición mixta das labranzas galegas só era posible por se dar a circunstancia de que dispoñían de grandes espazos non cultivados directamente, pero de grandes aproveitamentos, como eran os montes e terreos incultos.
Os labregos non eran propietarios das terras, senón que as traballaban baixo diversas formas de cesión por parte dos propietarios ou dominios directos. A maior parte destas cesións eran contratos de foro, que se dividían moitas veces en subforos de diferentes graos. O foro tiña vantaxes: permitía certa lasitude ós campesiños (por exemplo, para plantar novos cultivos), e aseguraba os dominios directos da terra a través da percepción das rendas.
c) A industria
A máis importante vai ser a téxtil. A elaboración de tecidos, tanto de lá coma de liño, era unha actividade de fonda tradición artesanal urbana e rural que os historiadores a denominarán “industria rural doméstica”, porque se baseaba no traballo prestado no propio domicilio dos campesiños e non na concentración fabril. O traballo cubría as propias necesidades e, incluso, permitía unha certa comercialización local ou aproveitaba as andoriñas a Castela para vender no exterior. Chegaron a ser moi coñecidos os lenzos chamados “viveiros”, “coruñas” e “lourenzás”, que se vendían na Corte madrileña.
Pero na segunda metade do século XVIII, cando se liberaliza o mercado colonial americano, esta actividade cobra un importante pulo grazas ás masivas importacións do liño do Báltico e a instalación das primeiras fábricas téxtiles. O liño chegaba ós portos de Viveiro, Ribadeo e Carril, o que favoreceu a aparición dunha capa de comerciantes importadores recentemente instalados en Galicia, como Raimundo Ibáñez, que tamén facían de compradores dos tecidos campesiños con vistas á súa exportación. É dicir, encargábanse de subministrar materia prima ós tecedores e comprarlles a mercancía manufacturada. Pero as limitacións técnicas dos campesiños así como o conservadorismo dos comerciantes, progresivamente asimilados ás clases rendistas agrarias, e a perda das colonias americanas, fixo que esta puxante actividade industrial fracasara nos anos seguintes.
Outra industria desenvolvida nesta época foi a da salga no sector pesqueiro, favorecida pola chegada de cataláns con mentalidade empresarial contra 1750. 

Mulleres traballando na xávega/rapeta ou boliche


Son tamén eles os que introduciron importantes cambios na pesca primeiro (substitución do cerco polo arrastre, mediante xávega), na técnica de conservación despois (en lugar do tradicional cochado -a sardiña con cabeza e coa graxa- o prensado catalán que eliminaba a graxa) e na organización: introdución do traballo asalariado e unha nova comercialización da produción, enviando ó Mediterráneo as sardiñas galegas.
A salga impulsou o comercio de sal traído desde Cádiz, a primeiros do XIX había 400 salazoneras, 80% delas en mans cataláns.
Os ilustrados galegos foron moi críticos, pese a que o método dos cataláns era moito máis rendible.
Vivía esta provincia en el seno de la paz y de la abundancia; gozaba de los frutos de su costa y suelo, sin la angustia de perderlos en el futuro; los exportaba en naves propias a los países extranjeros...; de repente se presentan los industriosos catalanes, esos holandeses del mediodía... que trastornan el comercio de sus naturales, dejándolos en una sujeción precaria, los empeñan en contratos que causan ruina y les anticipan en vinos y aguardientes el valor de su futuro trabajo, vician sus costumbres y fomentan la holgazanería..
Cornide Saavedra. 1774

A pesca dos cataláns en Galicia, e a franqueza e o método con que a executan, é outro atranco considerable á riqueza da nación (…) A introdución dos cataláns en Galicia, a natureza das súas redes, e o método do seu comercio de sardiña foi o golpe lamentable, que fixo máis sensible os danos. (…) O proferir que os galegos son ociosos, e de curto espírito, que se satisfán con moi pouco, que non entenden de salgaduras, e que non farían producir á pesca sen o auxilio dos cataláns todas as vantaxes que ofrece a súa natureza, é non coñecer o territorio,descorrer por inclinación propia e aínda desautorizar o ministerio (…). Galicia non pode dar emprego en varios postos a moitos dos seus fillos ociosos e pobres, porque se lles entregan ós cataláns. Estes mesmos homes cos seus instrumentos impiden a ocupación doutros moitos porque non precisa dos seus brazos o uso da xávega. Unha parte do xuro que debía mellorar a dita do Reino, pásase á nación opositora. O galego cando puider facer a salgadura e o comercio por si mesmo, véndelle o xénero en frasco ao catalán que llo compra, contentándose só co ben que mira (…). O catalán que pesca en Galicia e subsiste arraigado en Cataluña élle un vasalo moi útil á Coroa; pero non equivale este beneficio dano que lle ocasiona ao galego.
                     Somoza de Monsoríu, F.: Estorbos y remedios de la riqueza de Galicia, 1775

Ademais destas renovacións houbo dous sectores con importantes modificacións no XVIII:


  • A siderurxia en Sargadelos, unha experiencia histórica levada a cabo por Raimundo Ibáñez, un asturiano afincado en Ribadeo, futuro marqués de Sargadelos. Comezou cunha ferrería en Muras á que seguiu, en 1791, a siderurxia de Sargadelos, o seu proxecto máis importante que contaba cun alto forno, o primeiro deste tipo en España. Tras obter a licencia, montou unha fábrica de potes, pero a baixa demanda obrigouno a cambiar de produción, pasando a no 1794 a fabricar municións para o Exército.
    A industrialización motivou protestas campesiñas, estimuladas polo clero (bispo de Mondoñedo e cregos da zona en razón dos dereitos xurisdicionais prevalecentes) e as xustizas locais (contra da tala de árbores para o combustible). As razóns de fondo estaban na negativa do empresario a pagar o décimo das fábricas, na apropiación de montes comunais para a obtención de madeira, na concesión real para o transporte de carbón desde as montañas e das municións ata os portos fose realizado polas xentes da zona.A situación foise tensando ó adoptar Ibañez medidas máis duras (multas, confiscación de bens, castigos con cepos e o emprego dun corpo militar para obrigar ós campesiños a facer o transporte) desembocando en conflicçtos que acabaron con varios mortos no 1798.
    Pese a todo, no 1804 aparecería tamén a fábrica de louza -aproveitando a cualidade dos caolíns da zona- que ía ser acompañada dunha de tecidos e outra de vidro, pero que non chegaron a se por en marcha. Un motín, ocorrido en Ribadeo durante a guerra de Independencia, acabou en 1809 coa vida de Raimundo Ibáñez, un burgués que pretendeu desprazar ós señores tradicionais. Foi un exemplo de como a estrutura social da comarca non foi capaz de asimilar unha tentativa industrializadora moderna que, sen embargo, permaneceu por moito tempo no sentir dos galegos.
Ver, Marqués de Sargadelos



  • A construción naval en Ferrol constituíu unha importante actividade. A importancia estratéxica da ría valeulle ser nomeada por Filipe V no 1726 como capital do Departamento Marítimo da zona Norte grazas á cesión dos dereitos señoriais sobre a zona do conde de Lemos. Primeiro os asteleiros estiveron na Graña para pasar logo á ensenada de Esteiro, extramuros da primitiva vila ferrolá.

    A actividade fixo medrar considerablemente a cidade: a poboación duplicouse (a mediados do XVIII, traballaban na construción naval uns quince mil obreiros), fixéronse novos barrios (o de Esteiro para os obreiros e da Magdalena para o persoal da Mariña, este con traza ortogonal ó xeito ilustrado) e se construíron as fortificacións da ría.
Barrio de Esteiro

Barrio da Magdalena

Os arsenais e estaleiros de Ferrol coa súa avanzada tecnoloxía, coa súa racional planificación e coa alta cualidadade das instalacións foron a admiración de todos os visitantes da cidade, o mariño inglés W. Pitti dixo: se Gran Bretaña contase cun arsenal coma Ferrol rodearíaoo dunha muralla de prata.



Xunto destas importantes iniciativas empresariais, houbo outras non tan relevantes como a fábrica de sombreiros coruñesa de Barrié que chegou a producir 40.000 chapéus ó ano e a empregar 200 obreiros; as de lonas e xarcias para a Armada Real e de mantelerías de Sada, promovidas por flamengos, que foron os que introduciron o cultivo do liño en Galicia, ou as tentativas de tecidos de algodón en Pontevedra.
d) O comercio
As actividades comerciais estaban en relación coa evolución da agricultura e coa sorte seguida polas diferentes iniciativas industrializadoras. Había un comercio interior ben asentado pola aparición de numerosas feiras e mercados locais, pero ás que xa concorrían maragatos e arrieiros que traficaban en lenzos e gando. O mesmo viño do Ribeiro formaba parte do comercio interior, ó destinarse case en exclusiva á cidade de Santiago.
Nos antigos lugares de feira aínda se conserva nalgúns casos, os pendellos, esas pequenas construcións que constituían os puntos de venda, como en San Andrés de Boimente


Na feira de Parga, restaurados
Agolada, pendellos do XVIII
O comercio exterior tivo que ser máis importantes, polo menos cualitativamente. Exportábanse lenzos cara ó interior de Castela e ó mercado americano, e importábanse, ademais de liño, augardente, e de cando en vez, grans; traficaban os casteláns co peixe salgado e os tratantes de gando coa súa exportación cara a Castela e Portugal.
En conxunto, o desenvolvemento comercial da Galicia do Antigo Réxime non alcanzou niveis comparables a outras economías periféricas como a vasca, a catalá ou a andaluza. A apertura do porto da Coruña para o comercio coas colonias de América, dende 1764, foi un paso importante pero insuficiente.


SOCIEDADE
A composición interna da sociedade do Antigo Réxime en xeral, e de modo moi especial en Galicia, obedece a dous parámetros ben distintos, pero complementarios. Dunha banda, a liñaxe ou estamento permite demarcar a aqueles que se coñecen como os privilexiados, isto é, aqueles que por propia constitución xurídica gozaban de exencións, privilexios e honras por ser quen eran: nobreza laica e eclesiástica. Doutra parte estaba a riqueza económica, isto é, o dominio da terra, que en Galicia se traducía case directamente na percepción das rendas agrarias. Aparecen así os rendistas; rendistas e privilexiados son case sinónimos e constituían, polo tanto, o cumio da sociedade galega. Cabo deles estaban, con distinta subordinación, os campesiños, e fóra desta división de base territorial algúns grupos máis: comerciantes, funcionarios, artesáns e mariñeiros. Pero o alicerce desta sociedade era, naturalmente, a terra e os ingresos dela derivados.
Vexamos con máis detalle os trazos de cada grupo:

a) Nobreza e clero
A alta nobreza desde o reinado dos Reis Católicos viviu ausente de Galicia, ocupando altos cargos na administración e no Exército, polo que será a baixa nobreza, a fidalguía, quen ocupe o seu posto de poder político e económico. Abandonadas as súas casas, perdidos os seus patrimonios ou desaparecidos os derradeiros membros das familias, as linaxes das grandes casas nobiliarias acabaron por desaparecer.
O clero tamén se beneficiou da emigración á Corte da alta nobreza, conformaba un grupo moi poderoso que percibía unha parte moi importante das rendas agrarias - o gasto principal era o consumo interno e as esmolas- e exercía un enorme poder no seu territorio. Sen embargo parece que deixaba moito que desexar o seu comportamento (por exemplo, o número de cregos con fillos era moi numeroso) a xulgar pola reiteración das normas
Que nuestros clérigos y de nuestras dióceis sena honestos en su vivir y se aparten de coloquios y conversaciones con mujeres no honestas o sospechosas, y no tengan en su casa, por ninguna manera ni por vía de servidumbre, mujer alguna de que se pueda tener sospecha. (...) Que se afeiten la barba de quince en quince días, o al menos de mes en mes.
Estatuto sinodial. Mondoñedo , 1534
 

a) Fidalguía
Esta pequena nobreza, beneficiouse do cobro das rendas porque son un grupo de intermediarios entre os propietarios e os usufructuarios. Pódese calcular que preto dun terzo dos ingresos de orixe agraria que producía anualmente Galicia ían parar ás mans da fidalguía. Eran case 11000 os censados a mediados do XVIII e, ademais, tiñan canda súa aldea ou parroquia na que exercían principal influenza.
Paseniñamente irán pasando do rural ó urbano, ocupando cargos municipais e postos administrativos relevantes como notarías ou rexistros.
A súa categoría social farana visible mediante a construción de grandes casas pacegas con evidentes signos de ostentación.
Ós gastos dos pazos e ó do consumo interno hai que sumarlle o pago de estudos ós segundóns, o “gusto polo vivir etiqueteiro" e o que debían devolver á Igrexa en concepto da renda foral, o que ocasionou moitos preitos e máis gastos aínda.


Pazo de Antequeira (Rois)

Pazo da Trave (Viveiro)





b) Campesiños
Supoñían a base fundamental desta sociedade, tanto polo número (un 80% da poboación) coma polo que producían. A pesar dos seus problemas os labregos foron capaces de realizar algunhas innovacións, como a introdución de novos cultivos, as rotacións máis intensivas ou o pechamento de baldíos.
Non todos estaban na mesma situación: había labregos, viúvas e pobres de solemnidade que apenas tiñan de que vivir. Había outros ben situados, superando as súas rendas, ás veces, ás dos fidalgos. Pero para a maior parte do campesiñado, despois de pagar rendas e décimos, non era fácil a supervivencia; fames e pestes eran frecuentes e o recurso ás esmolas dos mosteiros era a táboa de salvación. Nas bisbarras do interior a situación era peor e a emigración un recurso importante, mentres que noutras bisbarras a situación era moito mellor e de aí o crecemento da poboación nestes séculos.
A presión fiscal desencadeou protestas, como esta que, iniciada na Ulloa, estendeuse por moitos lugares: Curtis, Melide, Lugo, Vilalba,... O motivo foi a creación dun novo imposto, a Única, que os funcionarios cobraban directamente nas feiras as porcentaxes sobre as vendas realizadas
La llamada "partida da Ulloa" estaba formada por un corto número de paisanos armados la mayor parte de palos, que presentándose en el paraje de lacuatropea de ferias tocando una cierta corneta o instrumento rústico, alborotaban y espantaban el ganado vacuno, de cerda y caballos, introducían con esto la confusión, y mientras se desparramaban y corrían las gentes a defender y recoger sus animales, descargaban golpes sin piedad sobre los alcabaleros y dependientes de la Real Hacienda a la voz de ¡Viva el rey! ¡Viva la Ulloa! ¡Muera la Única!, robaban las cajas y administraciones y cometían otras diferetes tropelías. esparcían que en estono obraban contra el rey, pues las nuevas exacciones no procedían de la voluntad de S.M., sino de la rapacidad y abuso de los administradores y ministros de rentas reales, que se habían propuesto engordar con la sangre de los pobres.
Juan M. de BEDOYA. Retrato del Emm. Excmo. sr.D.Pedro Quevedo Quintano, 1835
c) Grupos urbanos
Son os non vinculados á terra: os mariñeiros, agrupados en gremios e cofrarías e dominados dende 1750 polos fomentadores cataláns; os artesáns, tamén cinguidos a unha actividade gremial; e os comerciantes, a burguesía comercial, que vive un período de esplendor durante o s. XVI na súa condición de mercaderes en panos, cambistas ou exportadores do viño de Ribeiro e que entrou en decadencia durante o s XVII, para volver a rexurdir con forza no século seguinte coa comercialización de produtos téxtiles, á fabricación de sombreiros, á exportación de gando e ó comercio colonial. Pero moitos deles acabaron por dirixir cara á terra moitos dos seus aforros, especialmente durante o período das desamortizacións, o que supuxo un freo ó desenvolvemento comercial e industrial de Galicia.


A CULTURA
a) A arte
Coinciden tres estilos sucesivos: renacentista, barroco e neoclásico. Como acontecera co Románico medieval, foi a cidade de Santiago o faro que iluminou case toda a arte barroca, a partir da propia catedral. Pero agora case todos os mestres de obra serán galegos, destacando Domingo de Andrade ou Fernando de Casas.
Todo o patrimonio artístico de Galicia se viu transformado neste período. Catedrais e mosteiros foron remodelados ou ampliados; as ordes menores ou as de recente implantación, como os xesuítas, ergueron edificios de nova planta; moitas igrexas enriquecéronse con baldaquinos, coros ou retablos, e, aínda que con menor intensidade, tamén a nobreza se incorporou a esta euforia artística e construíu multitude de edificios, tanto na cidade coma no campo.
Vexamos algunhas mostras





A ILUSTRACIÓN EN GALICIA
Esta corrente de pensamento ocupou toda a historia de europea ó longo do s XVIII, considerado o Século das Luces pola importancia que se lles atribuían “as luces da razón”, como instrumento de mellora individual, pero tamén como método para lograr unha reforma da sociedade mediante a instrución. No caso galego as ideas propias da Ilustración manifestáronse vizosas na segunda metade do século, dando lugar a unha importante explosión cultural. Este esplendor cultural fundamentouse en persoas concretas, pero tamén en institucións xa existentes, como a Universidade, ou novas, creadas por iniciativa dos ilustrados, como as Sociedades Económicas. Unha grande parte dos ilustrados eran, ademais, membros do clero, regular (Sarmiento, Feijoo) e secular (Sánchez, Castro).
As reformas ofrecidas van desde a denuncia da situación da agricultura ou a exportación de gando ata a industria do liño, as vías de comunicación ou a propia identidade cultural de Galicia. Tres serán os problemas obxectivo das propostas de solución aportadas polos ilustrados. O sector agrario, a diversificación económica mediante o fomento da industria popular, e a cultura de Galicia. As solucións para os dous primeiros temas non foron moi orixinais, pois onde a achega dos ilustrados foi máis brillante sería no eido da cultura, constituíndo en conxunto a primeira visión global e integrada de Galicia, apreciando a súa historia, reivindicando a súa lingua e denunciando o inxusto de que eran obxecto os galegos fóra destas terras. Nesta tarefa intelectual destacan os nomes dos frades bieitos Feijoo e Sarmiento e fidalgos como Cornide. Con todo, a figura máis senlleira será Martiño Sarmiento, primeiro grande estudoso da lingua galega e da súa historia, e propugnador do seu emprego e da necesidade de estudala. Ademais, a súa curiosidade intelectual levouno a se interesar pola historia natural, a numismática, o folclore e os estudios literarios. Foi o primeiro erudito galego que se ocupou da poesía lírica medieval. Pola súa parte, Feijoo quixo incorporar ó seu “Teatro Crítico” as principais “glorias” de Galicia, para reivindicar a súa riqueza cultural como pobo. Aínda que estes ilustrados carecían dunha ideoloxía política concreta, moitas das súas propostas pasaron a formar parte do caudal intelectual que acabou madurando no seo do galeguismo do s XIX.
As posicións ideolóxicas dos ilustrados foron, con todo, diferentes entre si. Houbo algúns que, como Sarmiento, avogaban en moitos aspectos por retornar a un mundo feudal en vías de desaparición, outros, como Cornide ou Somoza de Monsoriu, adoptaron posicións máis reformistas; mentres que unha minoría, como Lucas Labrada e Marcelino Pereira,defendían posicións próximas xa ó liberalismo.
Aparte das personalidades, fundáronse institucións entre as que destacan:
- En primeiro termo a Academia de Agricultura do Reino de Galicia, fundada no 1765. O seu obxectivo inicial era investigar as causas da decadencia da agricultura nas provincias galegas e propor solucións. Con todo, non foi institución de grande alento en Galicia e acabou por desaparecer en 1774.
- No 1785 fundouse o Real Consulado Marítimo da Coruña, institución imprescindible para regular a vida mercantil deste porto que, desde 1778 tiña libre comercio con América. As súas competencias eran abondosas, destacando a solución dos litixios entre comerciantes e armadores. Andando o tempo, o Consulado destacaría na defensa do liberalismo fronte ó absolutismo de Fernando VII, cando Coruña se converta, xunto con Cádiz e Barcelona, nun dos tres bastións do liberalismo español.
-Outras foron as Sociedades Económicas de Amigos do País, que desenvolveron unha extraordinaria actividade no s XIX. Creáronse neste tempo dúas, a de Santiago e a de Lugo. As súas primeiras actividades estiveron dedicadas ó estudo e mellora da industria do liño.